Ana Miranda defende na Eurocámara que os fondos europeos melloren as condicións de vida no rural

EP Plenary session - How to secure a sustainable future for the EU livestock sector in light of the need to ensure food security, farmers’ resilience and the challenges posed by animal diseases?
Ana Miranda
Ante a situación de alerta, a eurodeputada do BNG traslada a Europa os problemas da Galiza rural e denuncia a inacción do goberno galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, explicou no pleno do Parlamento Europeo os graves problemas polos que atravesa o rural galego, aos que o goberno da Xunta non é capaz de poñer solucións. Así no debate sobre “Emprendimento femenino en zonas rurais”, destacou as desigualdades que sofren as mulleres que traballan no rural, e no debate “Solucións para asegurar un futuro sostible do sector gandeiro da Unión” salientou a gran preocupación existente pola situación sanitaria do gando galego.

“Fronte a situación de alerta que atravesa o rural, o goberno galego do PP non é capaz de tomar decisións que melloren a situación do noso sector rural”, denunciou a eurodeputada galega, quen na súa intervención reprochou ao Comisario Hansen que non se reunise coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o pasado 2 de marzo, e expresou a posibilidade de que o faga en vindeiras datas.

A respecto das mulleres do rural en Galiza, sinalou que representan o 27,8% do sector primario, “un sector fundamental no meu País”, pero que traballa en condicións de desigualdade. Neste sentido, Miranda destacou que xa presentou emendas específicas no Regulamento de Acompañamento da Comisión de Desenvolvemento Rexional, para que os próximos fundos europeos invistan nas áreas rurais, e especialmente, na mellora das condición de vida das mulleres do rural. Para a eurodeputada galega, estas melloras deben centrarse na igualdade salarial; programas de inclusión laboral adaptados ás necesidades existentes; apoio institucional á conciliación familiar; políticas de dependencia que non obriguen as mulleres a asumiren os coidados; e programas de inclusión dixital e dixitalización nas áreas rurais.

Ameazas no sector

Sobre a situación sanitaria do gando, a eurodeputada do BNG sinalou que, respecto ao gando vacún, a chegada da dermatose nodular contaxiosa supuxo unha nova ameaza grave para o sector da carne e do leite, fundamentais no país, tanto polo que aportan ao PIB coma pola súa influencia na fixación de xente no territorio rural. Neste caso, o goberno galego actuou dando tombos sen asegurar que o noso gando fose protexido de xeito eficaz a través da inmunización nin que as perdas fosen compensadas economicamente”, apuntou.

Esta falta de solucións do goberno galego tamén se pode comprobar coa entrada nas explotacións doutra enfermidade que supón un baleiro sanitario pola obriga de sacrificio obrigatorio de todos os animais da granxa, co que iso implica na pervivencia da actividade dos titulares afectados, mentres os estudos científicos, recoñecen que o modo máis axeitado de parar os contaxios é coa inmunización do gando e o sacrificio dos animais afectados unicamente.

Neste sentido, o BNG critica que a Xunta de Galiza e o goberno central se neguen a solicitar os cambios de criterio para que os territorios ameazados poidamos vacinar antes de que a enfermidade chegue, protexendo así o noso gando antes de que teñamos que sacrificar animais. Igualmente, o BNG denuncia que a Consellería de Medio Rural fose ao Parlamento Europeo a pedir que se creasen vacinas marcadas e que se flexibilizasen as medidas pero sen resultado, polo de agora.

A respecto do gando porcino, no caso da peste porcina africana, a súa chegada puxo en risco a produción galega de porcino, que (supón 700 millóns de euros de facturación anual. Coas primeiras diagnoses os mercados sufriron unhas caídas de prezo brutais, amosando, entre outras cousas a debilidade da industrialización en Galiza. Igualmente a Xunta amosa a súa incapacidade ao non poñer medidas enriba da mesa para levar a cabo un plan de xestión do xabaril.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG