No transcurso dunha visita ao encoro das Conchas, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou o seu compromiso a seguir presionando para que os colectivos afectados pola persistente contaminación do encoro das Conchas poidan comparecer na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para explicar esta problemática.
A eurodeputada galega asegurouno no propio encoro das Conchas no transcurso dunha reunión que mantivo con integrantes dos colectivos afectados, e dous días despois de que na reunión de coordinadores desta Comisión tanto PP como PSOE se abstiveran para evitar que estes problemas de contaminación se traten na sesión do vindeiro mes de setembro, impedindo que comparezan os colectivos afectados.
Na reunión tamén participaron outros representantes do BNG, como a deputada e o deputado no Parlamento Galego, Sonial Vida e Iago Tabarés; o deputado provincial, Xosé Manuel Puga; o alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado; a responsable comarcal e concelleira en Celanova, Ernesta Seoane; e o portavoz municipal en Ramirás, Marcos Meléndez.
Segundo defendeu Ana Miranda, “é fundamental que as voces dos galegos e galegas afectados por este problema se escoiten en Europa”, tendo en conta que desde 2018 hai una petición aberta na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre as demandas feitas polos colectivos veciñais da Limia en relación aos problemas de contaminación ambiental do encoro das Conchas (petición número 1057/2018).
Actualizar información
No encontro a eurodeputada do BNG considerou fundamental que a Comisión Europea actualice a información tras a sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que recoñece a vulneración de dereitos fundamentais da veciñanza da comarca e condena tanto á Xunta de Galiza como á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), dependente do Estado, pola súa inactividade deliberada fronte a unha situación coñecida e grave de contaminación das augas. Ademais, explicou que recentemente remitiu unha pregunta dirixida á Comisión Europea precisamente sobre a inactividade do Estado e goberno galego para solucionar este problema.
A visita ao encoro das Conchas enmárcase na xornada de traballo desenvolvida por Ana Miranda este venres en Verea e Ramirás, onde a eurodeputada do BNG mantivo diversos encontros sobre vivenda, servizos sociais e transporte. Precisamente, en Ramirás a eurodeputada galega visitou os inmobles que forman parte dun proxecto do BNG para impulsar a vivenda pública.