Europeas 2024

Ana Miranda: “O BNG é a garantía de que en Europa se defendan os sectores produtivos galegos”

Acto Redondela
Acto Redondela

A candidata do BNG destacou que fronte a un PP desesperado o BNG ten propostas de futuro para Galiza

A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, afirmou hoxe en Redondela que se da dureza do traballo do mar, dos problemas das mariscadoras e da pesca artesanal galega e dos problemas de saneamento non só se fala en Galiza, tamén se ten falado no Parlamento Europeo é grazas ao Bloque. “Porque o BNG temos levado delegacións do sector do mar, entre outras moitas, para que sexan escoitadas, para que poidan facer as súas propostas alí onde se toman as decisións”, manifestou.

“Fronte a un Partido Popular desesperado, que se une coa ultradereita e se dedica a insultar a medio millón de galegas e galegos, o Bloque ten propostas de futuro e achega propostas para construír unha Galiza mellor e para defender ao noso país”, subliñou Ana Miranda. Neste sentido, sinalou que dar voz nas institucións europeas ás mariscadoras, ás enfermeiras en loita e ás afectadas pola macrocelulosa que o PP quere instalar en Palas de Rei, son algúns do exemplos que a candidata galega puxo como exemplo do traballo do Bloque na Eurocámara.

Voz propia

“Por iso Galiza precisa dunha voz propia para que os seus problemas cheguen ás instancias europeas. E temos que sentirnos moi orgullosas de que isto sexa así”, destacou Ana Miranda. A eurodeputada nacionalista salientou que da mesma forma que grazas ao traballo continuo do Bloque conseguimos impulsar o saneamento da ría do Burgo “imos acadar o saneamento do resto dos ríos e as rías galegas, tan importante para o medio ambiente e o mantemento dos postos de traballo”.

Segundo explicou Miranda, “co noso traballo aspiramos a ser a voz de Galiza en Europa e mellorar a vida das persoas para atopar solucións, para reducir as desigualdades, para combater a discriminación, para facer e deixar un mundo mellor”. Ademais, Ana Miranda subliñou que un obxectivo inalienable do BNG é “defender os intereses do Pobo galego fronte aos lobis que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten, como está facendo o PP máis madrileño da historia herdeiro do franquismo”.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG