No debate da Eurocámara sobre o “Plan de Acción para a industria do automóbil”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, alertou da caída de emprego na planta viguesa de Stellantis, xa que entre 2007 e 2023 aumentou a súa produtividade un 33%, mentres que o cadro de persoal viuse reducido nun 35%, ao pasar de 9.700 traballadores e traballadoras a 6.300.
“No meu país, Galiza, o sector da automoción é estratéxico, e na miña cidade Vigo, sitúase unha das fábricas de Stellantis, é un dos motores industriais”, explicou a eurodeputada galega na súa intervención, polo que demandou á Comisión Europea que calquera plan ou medida que se poña en marcha ten que ter en conta o “impacto social”.
Pese ao descenso de postos de traballo na fábrica viguesa, no debate Ana Miranda salientou o forte aumento da produtividade, xa que entre 2007 e 2023 Stellantis Vigo aumentou a súa produtividade un 33%: “como dato curioso no 2007 cada traballador produciu ao ano 56,5 vehículos, mentres que en 2024 foron 84”, sinalou ao respecto.
Precariedade laboral
“Como denuncia o sindicato CIG, esta é unha das plantas máis produtivas da compañía precisamente grazas a unha política de extensión da precariedade laboral en todos os ámbitos”, manifestou a eurodeputada do Bloque na súa intervención, sinalando que a produtividade e os beneficios empresariais non pararon de medrar mentres os salarios decreceron, provocando a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras.
Por outro lado, Miranda sinalou que no período comprendido entre 2008 e 2024, Galiza perdeu 22 empresas do sector do automóbil e nese tempo a industria en Galiza perdeu un total de 24.000 postos de traballo. “Non pode ser que a clase traballadora estea cada vez máis empobrecida. Teñan en conta as zonas altamente dependentes do sector do automóbil e o seu impacto social”, concluíu a eurodeputada galega.