Ana Miranda afirma que “Agora Repúblicas” é a opción da loita antifascista e de defensa dos dereitos sociais

Agora Repúblicas
Agora Repúblicas

A eurodeputada e cabeza de lista do BNG criticou na presentación da coalición en Madrid que o goberno de Sánchez non derrogara a reforma laboral nin universalizara a cobertura sanitaria

O investigador Carlos Babío salientou no acto que o Val de Cuelgamuros e o Pazo de Meirás amosan a incompatibilidade do Estado español “cunha democracia normal”

A eurodeputada e cabeza de lista do BNG ás europeas, Ana Miranda, participou na presentación de “Agora Repúblicas” en Madrid, coalición integrada polo Bloque, ERC e EH Bildu. “Representamos a loita contra o fascismo, a opresión e os que queren impedir que falemos, que dialoguemos e que todas e todos teñamos os mesmos dereitos”, subliñou na súa intervención.

Ana Miranda puxo como exemplo desta situación a denuncia presentada pola familia Franco contra o investigador e ex concelleiro do BNG, Carlos Babío, autor do libro “Meirás un pazo, un caudillo, un espolio”. “Estamos no mundo ao revés: os franquistas denunciando os demócratas”, sinalou ao respecto ao tempo que asegurou que Agora Repúblicas representa “a resistencia fronte á opresión”.

Neste sentido Babío afirmou que xunto o Val de Cuelgamuros, o Pazo de Meirás representa un dos maiores símbolos da pervivencia do franquismo, así como “dos abusos dunha ditadura xenocida e da impunidade dos seus crimes na actualidade”. Ao seu xuízo “en ambos casos demóstrase a incompatibilidade do estado español cunha democracia normal e en ambos casos tamén atopamos as actuacións da Casa Real española na orixe deses problemas e na blindaxe da impunidade”.

Ana MirandaDefensa do feminismo

Miranda engadiu que “non pasarán os que se opoñen a recuperar a memoria histórica, os que teñen nostalxia dun pasado terríbel para quen loitaron pola democracia e a liberdade” e igualmente defendeu que “non pasarán os que defenden o recorte de dereitos das mulleres, os que queren que eu, por ser muller, quede na casa fregando pratos en lugar de decidir por min mesma o que quero facer; se quero abortar ou non”.

A cabeza de lista do Bloque tamén salientou que Agora Repúblicas está enfronte  de quen quere recortar dereitos laborais e sindicais, “porque estaremos nós para lles lembrar que estes dereitos son froito dunha loita histórica que imos defender con unllas e dentes”. Neste sentido criticou que o goberno de Sánchez “non tivera tempo de derrogar a reforma laboral pactada por PP e PSOE e asinada con nocturnidade e aleivosía”.

Na súa intervención Miranda tamén criticou que o actual goberno socialista non se diferenciara do anterior goberno popular universalizando a cobertura sanitaria dos familiares de cidadáns españois con residencia no Estado por reagrupamento familiar. “Son obrigados a contratar un seguro médico privado, que na maioría dos casos non cobre o tratamento de doenzas graves como o cancro”.

 

 

Na presentación da coalición Agora Repúblicas en Madrid tamén participaron o presidente do Parlament de Catalunya, Roger Torrent; por EH Bildu o senador Jon Iñárritu e a deputada Marian Beitialarrangoitia; e por Esquerra a candidata Diana Riba e os deputados Joan Tardá e Gabriel Rufián.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG