Ana Miranda acusa ao Banco Central Europeo de ser unha “fábrica de persoas e pobos pobres”

A eurodeputada do BNG critica que o aumento dos xuros supón unha suba das hipotecas de máis de 300 euros mensuais

No debate plenario sobre o informe anual 2022 do Banco Central Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusou a esta entidade de ser unha fábrica de persoas e pobos pobres, posto que o forte aumento dos tipos de interese ao longo de 2022 e no que vai de ano supón un aumento de arredor de 300 euros na cota anual das hipotecas e no impacto da economía produtiva.

“O BCE fabrica pobreza promovendo políticas que favorecen os intereses do gran capital e contrarias ás maiorías sociais. O BCE fabrica persoas pobres, familias que dificilmente poden pagar a hipoteca ou que quedan sen casa. Rescatan bancos pero deixan aos Pobos, como o meu, abandonados”, manifestou Ana Miranda na súa intervención, en presenza de Christine Lagarde.

Así, acusou á presidenta do Banco Central Europeo e á UE de ser responsables de políticas neoliberais que empobrecen ás clases populares, da austeridade e de políticas que aumentan a débeda pública na UE para salvar aos bancos privados e que os ricos sexan cada vez mais ricos. Neste sentido criticou que só no Estado español 3 entidades bancarias (BBVA, Santander e Caixabank) gañaron máis de 19.170 millóns de euros mentres o sector produtivo e as familias están cada vez mais endebedadas.

Rescate para as persoas

Fronte a estas decisións inxustas, “que o BCE toma comodamente desde un sofá”, Ana Miranda fixo mención á proposta do Bloque, que ten como eixo prioritario o rescate hipotecario sufragado pola banca para axudar ás familias afectadas pola subida de xuros. En concreto, a proposta nacionalista defende que o fondo se destine a persoas con ingresos inferiores aos salario medio estatal, obrigadas a destinar máis do 30% dos seus ingresos para pagar a hipoteca. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG