A Alianza Libre Europea celebra que os modelos de goberno do BNG en Pontevedra e Allariz sexan referencias europeas

Delegación ALE Pontevedra
Delegación ALE Pontevedra
Ana Miranda: “Cando o Bloque goberna faino de forma modélica e transformadora para mellorar a vida da cidadanía”

A delegación da Alianza Libre Europea (ALE) na Eurocámara que se atopa de visita en Galiza celebrou hoxe unha conferencia no convento de Santa Clara de Pontevedra baixo o título “Europa dos Pobos dende o local”. Nesta xornada, inaugurada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os deputados e deputadas do Parlamento Europeo puideron analizar diversas experiencias de goberno locais levadas a cabo polo Bloque, como son as de Pontevedra e Allariz.

“Cando o BNG goberna faino de forma modélica e transformadoras, con políticas para as persoas e para mellorar as condicións de vida da cidadanía, tendo en conta aspectos tan diversos como o medio ambiente, a cultura ou emprego”, subliña ao respecto Ana Miranda, no seu primeiro acto político como eurodeputada nesta lexislatura.

A primeira parte da conferencia, sobre as diferentes situacións transfronteirizas en Europa e moderada por Ana Miranda, contou coa participación de Lois Pérez Castrillo, secretario Técnico da Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (ACET) e ex alcalde de Vigo; Lorena López Lacalle, presidenta da ALE; e Jordi Solé, eurodeputado de Esquerra Republicana e presidente do grupo da ALE na Eurocámara.

Ana Miranda MIguel F. Lores Jordi Solé Pontevedra
Ana Miranda MIguel F. Lores Jordi Solé Pontevedra

Na segunda parte da conferencia, -na que se falou das experiencias de transformacións no local como exemplos de boas prácticas en Europa e moderada pola concelleira do Bloque en Pontevedra Eva Vilaverde- interviñeron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o alcalde de Bastia (Corsica), Pierre Savelli; e a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid. Nas súas intervencións explicaron as principais actuacións levadas a cabo nas súas respectivas localidades para mellorar as calidade de vida da veciñanza, como a redución da presenza dos vehículos nas rúas e a súa recuperación para os peóns- e a recuperación de diversos espazos públicos.

Relacións transfronteirizas entre Galiza e Portugal

Neste sentido, na xornada de onte comprobouse en vivo en que consisten as relacións transfronteirizas entre Galiza e Portugal, ao visitar a Eurocidade Tomiño-Vilanova. Precisamente nunha recepción no Concello de Tomiño, a súa alcaldesa, Sandra González, explicou as estreitas relacións entre as dúas localidades e as terribles consecuencias que tivo o peche da fronteira durante a pandemia.

As relacións entre Galiza e Portugal tamén se puideron comprobar na visita que a delegación da ALE realizou a A Guarda, onde foi recibida polo portavoz, Anxo Baz, e o grupo municipal así como a presidenta da ELM de Camposancos. No encontro, o portavoz nacionalista trasladoulles aos representantes europeos a necesidade dunha comunicación eficaz e sostíbel con Caminha que sería un alicerce fundamental para a posta en marcha da Eurocidade entre as localidades miñotas.

Xa no Porto da Guarda, a delegación da ALE mantivo unha reunión coa Asociación de Redeiras Atalaia, onde comprobaron en que consiste o seu traballo artesanal e escoitaron as demandas deste colectivo. Precisamente representantes desta asociación participaron, en febreiro de 2019 (xusto antes do peche de fronteiras tras o inicio da pandemia) nunha xornada de traballo de mulleres da pesca en Europa convidadas pola eurodeputada do Bloque.

Mañá mércores, 21 de setembro, terá lugar unha recepción á delegación da ALE no Parlamento Galego a cargo da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón. Finalmente, pola tarde, farase un percorrido polo porto de Vigo para amosar á delegación da ALE a importancia económica da pesca e da construción naval.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG