O BNG celebrará este vindeiro domingo, 17 de agosto, un acto político de homenaxe a Alexandre Bóveda con motivo do Día da Galiza Mártir.
Baixo o lema ‘Por unha Galiza Soberana’, o acto terá lugar, como é tradicional, en Pontevedra, na Praza de Curros Enríquez, a partir das oito e media da tarde. Está previsto que interveña a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto á senadora Carme Dasilva e á militante de Galiza Nova, Alicia Arruti.
O BNG celebra no Día da Galiza Mártir este acto como lembranza a Bóveda, fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936. Será, ademais, un acto de compromiso coa verdade, coa xustiza, coa dignidade e coa nación que soñou e pola que entregou a súa vida, sendo vítima do franquismo.