As forzas políticas independentistas, soberanistas e republicanas asinantes desta declaración manifestamos, ante a conmemoración do 50º aniversario da monarquía, o seguinte:
A Monarquía Española non naceu da vontade popular nin do exercicio libre e democrático da cidadanía, senón dunha decisión imposta polo ditador Francisco Franco que designou a Juan Carlos de Borbón como o seu sucesor “a título de Rei”.
Esta designación a dedo, sen consulta nin lexitimidade democrática, marcou a recuperación dunha institución anacrónica, hereditaria e vitalicia, incompatíbel con principios democráticos esenciais, que funcionou desde entón como piar fundamental para a continuidade das estruturas de poder do réxime franquista e como mecanismo de preservación da unidade do Estado fronte aos dereitos nacionais e sociais dos nosos pobos.
Cinco décadas despois, a Monarquía Española segue sendo un estamento que non responde a valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia que tanto os cidadáns e cidadás das nosas nacións como as maiorías sociais do Estado anhelan. Cinco décadas despois, o mantemento da estrutura herdada do franquismo constata que non haberá verdadeira democracia mentres a xefatura do Estado non sexa elixida polo pobo e se negue o dereito a decidir das nacións catalá, vasca e galega.
Só desde a ruptura coa herdanza do franquismo e coa institución monárquica será posíbel avanzar para un futuro de auténtica liberdade e democracia. Frente aos actos oficiais que buscan branquear o pasado e lexitimar no presente unha instituição anacrónica, reafirmamos a nosa vontade de construír repúblicas libres, democráticas e xustas, en que a soberanía resida realmente na cidadanía.
Por tanto, hoxe, cincuenta anos despois da proclamación de Juan Carlos de Borbón como Rei polas Cortes franquistas, reiteramos o noso compromiso coa liberdade das nosas nacións, cos pobos que conforman o Estado e coa democracia plena.
Democracia, liberdade, repúblicas.