Un paso adiante

Un paso adiante
Un paso adiante

Declaración política do BNG

I Construír outro futuro para o noso país é a nosa razón de ser. 

Un futuro de liberdade nacional e de progreso e xustiza social. Esa é a historia do nacionalismo galego, desde as Irmandades da Fala: situar a Galiza no lugar que lle corresponde, como unha nación máis no mundo, defendendo sempre o dereito a existirmos como pobo, a expresarnos na nosa lingua, a construírmos colectivamente a nosa propia historia, a decidirmos sobre a nosa economía, o noso presente e o noso futuro. Esa é a nosa vontade e a nosa razón de ser.

Todas as persoas que desde Antolín Faraldo foron conscientes da existencia cultural e política de Galiza non dubidaron nunca en pór a súa lucidez e o seu compromiso cívico ao servizo do país, xeración tras xeración. O galeguismo pre-nacionalista, primeiro, e o nacionalismo, máis tarde, souberon dar unha resposta concreta aos problemas do país, elaborando un amplísimo corpus teórico e textos de carácter xurídico-político para dotar a Galiza de poder de seu, de capacidade política plena e de instrumentos institucionais en que asentar a liberdade da nación e o noso desenvolvemento cultural, social e económico. 

O nacionalismo galego actual bebe de todas esas fontes: do Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 -que proclama por vez primeira de forma expresa a vontade de a nación galega exercer a soberanía “completa e sen cativeces”- , da Declaración de principios e do programa do Partido Galeguista, do anteproxecto de Estatuto elaborado xa en 1931 por unha comisión do Seminario de Estudos Galegos, do Estatuto de 36 aprobado pola Asemblea de Concellos e, por suposto, do Sempre en Galiza de Castelao. E claro, tamén dos proxectos para un goberno propio elaborados nos anos da chamada 'Transición': o programa do Consello de Forzas Políticas Galegas e as Bases Constitucionais da Nación Galega.

Mais tamén se nutre de todas as experiencias destinadas a construír ferramentas propias como nación, sexa no ambito da comunicación, no da organización ou calquera outro; e de todas aquelas que foron construíndo historicamente o camiño para a liberdade da nación galega: da Revolución de 1846 até a loita política e social do nacionalismo desde a súa reorganización na posguerra, nas díciles condicións da ditadura; da proclamación da República galega a 27 de xuño de 1931 até o masivo apoio no 28 de xuño de 1936 ao Estatuto, que expresaba -naquel contexto histórico- a vontade inequívoca da Galiza de iniciar o camiño para exercer como nación libre no mundo.  

Negar hoxe á Galiza a condición de nación e a vontade de existir como tal sería o mesmo que renunciarmos á obra de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, ao pensamento de Castelao e Alexandre Bóveda, a todo o capital político construído polo nacionalismo galego ao longo de máis de cen anos. O camiño da dignidade e da prosperidade como pobo esixe o contrario. Galiza precisa de forzas políticas propias para ter futuro como país, para abrir un camiño de esperanza e un horizonte novo para a sociedade galega de hoxe e para as xeracións que han de vir.

II Decidirmos nós no noso. 

As galegas e galegos aspiramos a mellorar as nosas condicións de vida, a recuperar a actividade económica e o emprego, a rachar coas políticas de recortes sociais e de dereitos, a mantermos con orgullo os nosos sinais de identidade. Todos eses obxectivos tiveron un retroceso enorme baixo o modelo político e institucional da autonomía. Non abonda, por iso, con mudar quen goberna senón que tamén é preciso mudar o marco a fondo.

Baixo o modelo autonómico, a Galiza non puido realmente exercitar opcións socioeconómicas propias e estivo supeditada sempre á planificación e ao deseño realizado polos sucesivos gobernos centrais, que se caracterizaron por marxinar o noso país: reconversión industrial, atraso nas grandes infraestruturas, relegación dos sectores produtivos galegos nas negociacións na UE, reestruturación financeira que liquidou as nosas caixas de aforros...

As consecuencias negativas deste deseño político non ficaron só no papel: provocaron tamén resultados nefastos para o desenvolvemento da Galiza e para a prosperidade das maiorías sociais do país. A maior parte dos indicadores demográficos e económicos evolucionaron negativamente a respecto doutros territorios, e tamén moitas potencialidades do país se viron truncadas por decisións políticas adoptadas ou referendadas en Madrid.

No escenario político aberto hoxe no Estado, coas nacións a colocaren no debate a vontade de exerceren a súa soberanía, só caben dúas opcións: asistirmos como meros espectadores ou ben actuarmos como protagonistas do noso propio futuro. Pasividade ou activismo. O BNG aposta na segunda opción. Galiza ten hoxe moito que dicir para ser protagonista da súa propia historia, para construírmos como sociedade unha democracia real, popular e un futuro digno para as persoas que vivimos e traballamos neste país e do que as xeracións que veñen detrás poidan tirar proveito. 

III Un paso adiante para un país mellor.

Precisamos dar un paso adiante como pobo para deixar atrás a dependencia e poder construír un país mellor. E para iso precisamos de nos afastar dos peores condicionantes dun sistema político español ao servizo dos poderosos, da grande banca e das grandes empresas e caracterizado pola corrupción sistémica e pola escasa calidade democrática. Precisamente porque queremos levantar unha sociedade nova, sobre novos valores e novos principios, ao servizo do noso pobo e das maiorías sociais.

Os grandes desafíos a que hoxe debemos dar resposta como país remiten a cuestións como a crise demográfica, o despoboamento e desequilibrio territorial, o agravamento das desigualdades, a garantía da capacidade produtiva, o dereito ao emprego e a vivenda, a precariedade laboral e a marxinación da mocidade, a igualdade de xénero ou a evolución sociolingüística.  Para os afrontar, resulta  condición imprescindíbel unha acción política con visión de país, que integre a maioría social nun proxecto compartido de nación que aspira a ser libre para garantir o progreso, o benestar e a xustiza social na Galiza, desde a capacidade plena de decisión sobre os nosos asuntos. 

Neste momento político, nesta circunstancia histórica, precisamos máis unha vez ter a coraxe política de dar un paso adiante como nación, buscando sempre o diálogo do ideario nacionalista cos problemas reais e coas preocupacións da sociedade galega, esforzándonos por facer comprensíbel para o conxunto das cidadás e dos cidadáns o que significa unha Galiza soberana, dona de si, sen deixar de ter nunca os pés na terra, única forma de podermos camiñar con paso seguro cara á Galiza dos nosos soños.

No nacionalismo galego temos ambición de país porque sabemos que contamos cun país rico que só precisa de instrumentos de decisión e de vontade política de nación. Galiza non pode perder máis oportunidades nin tampouco continuar perdendo ano tras ano unha inmensa riada de mozas e mozos, xusto as xeracións máis formadas de toda a nosa historia como pobo. 

Queremos construír outro presente e outro futuro, porque o precisamos para vivir con dignidade como persoas libres, porque llo debemos a todas as mulleres e a todos os homes da estirpe de Rosalía, aos milleiros de persoas que loitaron por Galiza ao longo do tempo,  como Antón Vilar Ponte ou María Miramontes; como Ánxel Casal ou Víctor Casas; como Castelao, Bóveda ou Reboiras. Para termos futuro como pobo. Para que floreza como unha nación máis no mundo esta nosa patria que ilumina de emoción os nosos ollos cada vez que pronunciamos o seu nome: Galiza.

IV Dez principios para un novo modelo político e institucional para  Galiza

O noso País precisa de acceder con urxencia a un novo modelo político e institucional que implique a capacidade real de decidir sobre os seus asuntos en función dos intereses do pobo galego. O sistema político actual perpetúa a situación de dependencia da Galiza, razón pola que o nacionalismo sempre cuestionou un marco político definido pola Constitución e o Estatuto de autonomía como principais instrumentos normativos dun sistema inxusto que nos nega como nación e nos condena á precariedade, á pobreza ou á emigración. É necesario, por tanto, superar definitivamente o modelo constitucional e autonómico que impide que a Galiza poida resolver os problemas que como sociedade nos afectan. 

Por isto, o BNG apela ao conxunto da sociedade galega e ás forzas sociais e políticas que a representan a asumir compartidamente que a nación galega debe poder exercer os dereitos que colectivamente lle corresponden e, en consecuencia, iniciar o camiño para acceder a un novo status político-institucional que garanta o dereito a decidir sobre o noso e sente as bases para o progreso e benestar do pobo galego.

En consecuencia,  o BNG lanza unha proposta xenerosa que, sen colmar as nosas aspiracións de plena soberanía da Galiza, poida concitar neste momento un amplo apoio da sociedade galega e nos permita avanzar social, cultural, economómica e políticamente como pobo. 

O BNG impulsará no Parlamento Galego e presentará aos axentes económicos, sociais e culturais as seguintes dez propostas ao redor das cales conformar un grande acordo de país :

  1. POLÍTICA. Recoñecemento de Galiza como nación e, por tanto, do seu dereito de autodeterminación, recollido para todos os pobos na Carta das Nacións Unidas en 1945 e en pactos e acordos posteriores asinados, todos eles, polo Estado español.
  2. ECONOMÍA. Capacidade de decisión plena na base produtiva e económica de Galiza para desenvolver unha política de promoción económica e do emprego adecuada ás nosas potencialidades e capacidades. Creación dunha Banca Pública Galega que garanta crédito e apoio ao tecido económico galego, ás pemes e persoas autónomas e ás familias. Control público dos nosos recursos, dos sectores estratéxicos da economía e da produción de enerxía. Creación dunha Tarifa Eléctrica Galega en beneficio das familias e do tecido económico do noso país.
  3. FINANCIAMENTO. Sistema de financiamento propio, solidario e xusto, que garanta a plena capacidade de Galiza para implantar unha política fiscal propia, desde a regulación até a recadación e xestión integrada, a través dunha Facenda Galega, coa que facer uso pleno dos nosos recursos económicos para  financiar os servizos públicos básicos e  aplicar políticas xustas de redistribución social.
  4. SERVIZOS PÚBLICOS, DEREITOS SOCIAIS E IGUALDADE. O ensino, a saúde, a vivenda, o acceso á enerxía e as pensións como dereitos con obriga de garantía pública. Exercicio en exclusiva da planificación, dirección e xestión dos servizos públicos ligados ao benestar, para dar adecuada cobertura ás nosas especificidades. Capacidade plena de xestión directa da Seguranza Social e das pensións. Desenvolvemento dunha Estratexia Galega pola Igualdade que faga da prevención e loita contra a violencia machista unha prioridade política e social.
  5. ADMINISTRACIÓN GALEGA. Deseño e articulación dun modelo administrativo propio e acaído á realidade galega na ordenación territorial e na estrutura administrativa e institucional da Galiza. Eliminación das provincias e da súa referencia como circunscrición electoral, así como a desaparición das Deputacións provinciais. Estruturación do territorio galego a partir dos concellos e as comarcas.
  6. LINGUA. Desenvolvemento dunha política lingüística que teña como obxectivo a plena normalización social da nosa lingua, garantindo a recuperación de falantes para o galego e os dereitos individuais e colectivos de todas as persoas.
  7. TRANSPORTES, SEGURANZA PÚBLICA E VIARIA. Asunción de todas as competencias en materia de transporte e, por tanto, tamén de todas as infraestruturas públicas: viarias (AP-9, AP-53), camiños de ferro, portos e aeroportos. Creación dun ente ferroviario galego para articular a rede interior e de proximidade. Asunción, cun corpo propio, da plena competencia en seguranza pública e de tránsito.
  8. XUSTIZA. A adecuación da administración de xustiza, contemplando un poder xudicial propio para Galiza que será a última instancia xudicial no noso País. O Tribunal Constitucional deixaría de exercer funcións sobre a Galiza, trasladando os conflitos de competencias a solucións arbitrais a través de órganos políticos bilaterais.
  9. DESENVOLVEMENTO SOCIO-CULTURAL E SUSTENTABILIDADE. Impulso á cultura, a educación e á innovación como factores estratéxicos de cohesión e desenvolvemento social e económico. Coidado do medio e do territorio, deseñando unha estratexia de desenvolvemento sustentábel. Acordo Nacional polo Monte Galego. Saneamento integral das rías e anulación da prórroga a ENCE. 
  10. GALIZA NO MUNDO. Desenvolvemento de relacións internacionais propias en función dos intereses políticos, económicos e comerciais  da Galiza. Garantir a capacidade de intervención e decisión nas institucións estatais, europeas e internacionais nos asuntos que nos afectan.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG