Propostas urxentes do BNG contra a crise do coronavirus

MEDIDAS DE CONTENCIÓN

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) actuará, como o veu facendo ao longo desta crise, con lealdade institucional ao goberno e a Galiza. Estamos ante unha situación de emerxencia que require de sumar vontades e de actuar con altura de miras, este é un problema de País, como tal o vemos, onde a prioridade é salvar vidas e garantir a saúde pública. Precisamente con esta finalidade, é importante que todas e todos demos o mellor de nós para enfrontar esta situación. Non seriamos leais e responsábeis, nin co Goberno nin co pobo galego, se non puxésemos en riba da mesa os erros que detectemos e as propostas que entendemos contribúan a frear a crise do coronavirus e darlle unha resposta ao impacto que esta ten en todos os ámbitos da nosa vida.

Desde esa perspectiva, e con absoluta transparencia e lealdade, poremos en coñecemento do goberno galego as propostas que entendamos que sexan importante trasladar.

Nese sentido, e con motivo da xuntanza entre líderes/as das principais forzas políticas na Galiza do 16 de marzo de 2020, queremos trasladar ao Presidente da Xunta de Galiza diferentes medidas que consideramos de máxima urxencia en aras de frear a expansión do COVID-19:

BLINDAR GALIZA

Resulta imprescindíbel blindar Galiza mentres sexa posíbel facelo. Iso implica limitar drasticamente (permitindo só casos puntualmente autorizados) as entradas e saídas de Galiza por medios terrestres, aéreos e marítimos.

REFORZAMENTO DA PROTECCIÓN DO PERSOAL SANITARIO:

Garantir a entrega de Equipos de Protección Individual (EPI) para todo o persoal hospitalario, incluído o “non sanitario” (celadores/as, limpeza, cociña, mantemento, seguridade, ambulancias, etc.) e en todos os ámbitos da sistema sanitario galego: hospitais, centros de saúde, PAC ou novos centros habilitados para tal efecto para a actual crise sanitaria.

REFORZAMENTO DA PROTECCIÓN DE TODO O PERSOAL DE ÁMBITOS ESENCIAIS NON ESTRITAMENTE SANITARIOS

O Goberno Galego debe garantir as medidas de seguranza sanitaria, laboral e de conciliación de todas aquelas traballadoras e traballadores de servizos esenciais non sanitarios, tales como as tendas de alimentación e supermercados, farmacias ou gasolineiras, mediante a estipulación e o cumprimento de protocolos de actuación claros e a dotación dos medios necesarios para garantir a súa seguridade e das persoas ás que asisten (medidas de hixiene, desinfección dos materiais de uso do público, control de aforos e distancias, etc.).

Do mesmo xeito, reducirase a actividade económica e produtiva que non sexa imprescindíbel para o funcionamento e subministración do conxunto da sociedade, co fin de evitar a exposición de todo ese colectivo de traballadores e traballadoras ao virus.

REFORZO DA ATENCIÓN CIDADÁ

  • Reforzo da liña 900 400 116 de cara a garantir unha correcta atención das galegas e galegos que precisen de información, asesoramento ou asistencia a respecto do COVID-19.
  • Ampliación dos recursos humanos para evitar a situación actual de colapso das liñas telefónicas do 061. Negociar coas traballadoras e traballadores actuais do cadro de persoal o reforzo ás quendas.
  • Formación e contratación urxente; se for preciso que a Xunta tome o control directo.
  • Habilitar liña directa entre centros de saúde e os PAC e a coordinación de quenda do 061.
  • Posta en funcionamento dunha APP que permita a todos os usuarios e usuarias pórse en contacto co 061.

PECHE TOTAL DOS CENTROS EDUCATIVOS

En tres días, a Xunta de Galiza deu catro indicacións diferentes a respecto da presenza do profesorado nos centros educativos de Galiza: 1) que todas e todos os docentes fosen ao seu centro no seu horario, 2) Quen tivese fillas/os menores ou dependentes só tería que ir o 50% do horario, 3) Que só fose o equipo de dirección a centros abertos ao publico, 4) Que só vaia a dirección a centros completamente pechados.

Desde o BNG entendemos que todos os centros educativos deben permanecer pechados e todo o seu persoal (docente e non docente) permanecer nos seus domicilios.

REFORZAMENTO DA PROTECCIÓN NO ÁMBITO ASISTENCIAL

  • Resulta imprescindíbel estabelecer mediante Decreto os servizos mínimos para o Servizo de Atención Fogar onde se establezan criterios de priorización dos servizos mínimos que o goberno galego garantirá. Así mesmo, resulta imprescindíbel arbitrar as medias necesarias para garantir a protección das e dos profesionais así como das persoas que atenden.
  • Declarar os servizos sociais de interese galego mentres dure a situación de alarma sanitaria e que a Xunta asuma a dirección e o mando de todos os recursos dispersos polos concellos de Galiza, como por exemplo o Servizo de Axuda no Fogar.
  • Atención ás persoas en situación de risco exclusión (nenos e nenas con bolsas de comedor que foron para as súas casas polo peche dos centros escolares).
  • Reforzamento, en previsión, dos dispositivos en materia de violencia de xénero por motivo do confinamento e protocolo de actuación específico da policía.

MELLORA NA COORDINACIÓN ENTRE AS DIFERENTES ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS NA GALIZA

PROTOCOLOS CLAROS EN MATERIA DE RECOLLIDA DE LIXO

Protocolo claro a respecto da recollida de lixo en domicilios con positivos en COVID-19 e persoas en corentena.

MEDIDAS CLARAS EN ESPAZOS PÚBLICOS

O Goberno Galego debe dar indicacións claras e de obrigado cumprimento a respecto do xeito de actuar da poboación nos diferentes espazos públicos, como por exemplo a limitación e delimitación da ocupación nos ascensores ou o control de accesos, colas e aforos máximos en farmacias ou supermercados.

MEDIDAS DE COMPENSACIÓN

Desde a perspectiva do Bloque Nacionalista Galego, resulta especialmente grave e irresponsábel que o goberno español e o goberno galego non articulasen medidas reais e de impacto desde unha perspectiva económica e laboral de cara a mitigar os efectos da crise do coronavirus. Estas nin sequera foron demandadas na conferencia de presidentes. Nin se estabeleceron por parte da Xunta nin do Goberno español. O problema non é só o atraso na adopción de medidas, senón a política de feitos consumados que xa se produciu en parte do noso tecido produtivo e laboral, e o desacougo que afecta á maioría de traballadoras e traballadores, autónom@s e pequena empresa polo futuro en risco das súas vidas.

Galiza posúe unha evidente singularidade na súa estrutura de clases, tecido produtivo e de emprego, e mesmo na proporción de poboación activa no país (sumémoslle a empregada no exterior), das máis baixas do Estado. A existencia de sectores moi específicos (produción agraria, gandeira e forestal; pesca, marisqueo, produción mexilloeira, etc.) e unha poboación moi dispersa, con servizos máis precarios (e custosos fronte outros hábitats), etc., fan que o caso galego deba ser considerado e atendido de xeito moi específico, con medidas tamén específicas.

Desde o BNG, consideramos que estamos ante unha situación excepcional que precisa de medidas de tipo económico e social de choque que sexan inmediatas, claras e inequívocas, cun alcance real e que garantan que a crise do coronavirus non a volvan a pagar as mesmas persoas que pagaron a anterior crise económica. Nese sentido consideramos que resulta imprescindíbel tomar de xeito inmediato as seguintes medidas:

MEDIDAS DE COMPENSACIÓN PARA PERSOAS QUE SUFRAN ERTES, AUTÓNOMAS E AUTÓNOMOS CON INCAPACIDADE DE PRESTAR CON NORMALIDADE A SÚA ACTIVIDADE ECONÓMICA:

  • Garantías de que calquera traballador/a afectada, ben sexa por aplicación dun ERE, ERTE, modificación de xornada laboral, mudanzas de sistema de traballo, etc., non sufrirán deterioro nas súas condicións de traballo, e garantirase en todos os casos a remuneración equivalente á percepción íntegra dos seus salarios segundo o correspondente convenio.
  • Obtención de permiso retribuído (segundo o actual estatuto dos traballadores) será pagado a través dun fondo de compensación. A maiores, cómpre un plan de medidas para a conciliación, especialmente tamén para familias monoparentais, e de obtención de permisos especiais. En ningún caso computarán estes períodos como vacacións ou excedencias.
  • Condonación de 3 meses de hipoteca ou compensación de alugueiro.
  • Condonación de servizos básicos (auga/luz/gas, taxa do lixo, etc.) durante un período de 3 meses (até un importe que se marque ou até un importe igual ao do anterior recibo emitido)
  • Non contabilización deste período no paro ao se entender que non puido existir unha busca activa e real de emprego por causas non atribuíbeis ás persoas desempregadas.
  • Eliminación da cota de autónomos durante os vindeiros 3 meses
  • Regulación clara e xusta dos ERTE.
  • Estender o subsidio previsto para as persoas infectadas tamén para as traballadoras e traballadores con persoas dependentes a cargo.

MEDIDAS DE CONTROL E SEGURANZA NO TRABALLO

  • A administración pública proporcionará equipos de protección individual a todos os sectores laborais que o precisaren, así como protocolos estritos de actuación.
  • Calquera medida de inxección de recursos ás empresas irá vinculada ao mantemento do emprego.
  • Se se aplican ERTES, cómpre complementalos até chegar aos salarios percibidos (especialmente onde os salarios sexan máis baixos).

REFORZAMENTO DA INSPECCIÓN DE TRABALLO

  • Actuación de Inspección para obrigar á aplicación estrita nas empresas dos protocolos de prevención e contención. Especial atención a empresas cun elevado número de traballadoras e traballadores presenciais (automoción, telemarketing...).
  • Control efectivo da limitación das actividades que non sexan esenciais.
  • Garantir que non se obriga ao persoal a coller vacacións durante este período.
  • Garantir que non se obriga a xornadas maratonianas (supermercados, distribución, etc.) durante o período correspondente co estado de alarma.
  • Garantir que a pandemia non sexa a coartada de despedimentos masivos non xustificados.

MEDIDAS DE CHOQUE ECONÓMICO E LABORAL

  • Creación dun fondo de continxencia económica suficiente.
  • Eliminación dos obxectivos de déficit.
  • Eliminación das limitacións á contratación de persoal por parte das administracións públicas.

PLAN DE CHOQUE PARA ENFRONTAR O POSÍBEL IMPACTO A RESPECTO DO CAMIÑO DE SANTIAGO E O SEU TECIDO COMERCIAL, TURÍSTICO E AUXILIAR

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG