O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Ministerio do Interior que asuma de maneira definitiva as sucesivas sentenzas xudiciais que deixan claro que o Estado é o responsábel do antigo cárcere da Coruña e, por tanto, quen debe facer frente aos gastos de mantemento e vixilancia do inmóbel mentres continúe sendo da súa propiedade.
A formación nacionalista lembra que vén reclamando de forma reiterada ao Goberno español que poña fin ao seu empeño de exixir unha indemnización millonaria ao Concello da Coruña pola cesión do antigo penal e que abandone unha estratexia xudicial que só contribúe a atrasar a recuperación dun espazo de grande valor histórico, patrimonial e social para a cidade.
Recentemente, a Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso presentado polo Estado e ratificou a nulidade do convenio asinado en 2005 entre o Concello e o Ministerio do Interior. A sentenza confirma, ademais, que o Concello non ten que asumir os gastos de mantemento do edificio e conclúe que é o Estado quen debe facerse cargo dos custos derivados da súa conservación.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que “as resolucións xudiciais son claras e contundentes: o antigo cárcere continúa sendo propiedade estatal e, por tanto, corresponde ao Ministerio do Interior asumir todas as obrigas derivadas da súa titularidade, incluídos os gastos de mantemento e vixilancia”.
Rego considera que “non existe xa ningunha escusa para continuar prolongando este conflito xudicial e seguir malgastando recursos públicos”. Neste sentido, demanda ao executivo español que acate a sentenza da Audiencia Provincial e renuncie definitivamente a continuar recorrendo por vía xudicial unha cuestión sobre a que os tribunais xa se pronunciaron de maneira reiterada.
O deputado do BNG insiste en que chegou o momento de fechar unha etapa de confrontación xudicial estéril e avanzar cara a un acordo que permita recuperar para uso público e social un espazo emblemático da Coruña.
“O Goberno debe abandonar definitivamente a vía xudicial e apostar polo diálogo institucional co Concello da Coruña para acordar unha solución que permita a recuperación do inmóbel. A mellor saída para esta situación é abrir unha negociación que conduza á reversión gratuíta do antigo cárcere á cidade, mais previamente o Estado debe asumir as súas responsabilidades e acometer as actuacións necesarias para garantir a súa rehabilitación e conservación” afirma Rego Candamil.