Congreso

PP e PSOE vetan a proposta do BNG para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes

Néstor Rego
Néstor Rego

A iniciativa do BNG procuraba, entre outras, axilizar a transferencia da AP-9 e a AP-53, tráfico, os aeroportos galegos ou as competencias en materia de meteoroloxía á Administración Galega

O resultado da votación evidencia a falta de ambición e crenza no autogoberno que as formacións estatais teñen, valora Rego: “nin o PP aspira a desenvolver as competencias, nin PSOE mostra ningunha convicción para transferir as pendentes”

“O Parlamento de Galiza ten reclamado por unanimidade moitas das cuestións recollidas nesta iniciativa do BNG mais aquí en Madrid PP e PSOE votan o contrario” sinala Rego

Co obxectivo de reforzar e ampliar o autogoberno da Galiza, o BNG urxe convocar a Comisión Mixta Xunta-Estado e avanzar no traspaso de máis de corenta competencias como a Xestión do Ingreso Mínimo Vital, Tráfico, as autoestradas AP-9 e AP-53, Portos e Paradores, inspección de traballo, meteoroloxía ou os centros de investigación con sede na Galiza. Lamentabelmente, as forzas estatais con representación na cámara galega -PP e PSOE- votan en contra e conseguen vetar a proposta do BNG.

“O Partido Popular aclarou hoxe que non aspira a desenvolver nin as competencias que están recollidas no Estatuto de Autonomía nin aquelas que o Parlamento de Galiza reclama pola unanimidade dos grupos. Tampouco o PSOE desmostra ningunha convicción para cumprir e transferir as competencias pendentes” denuncia o deputado nacionalista. Así mesmo, Rego lembra que ambas as dúas forzas estatais, PP e PSOE, votan afirmativamente no Parlamento Galego mais, pola contra, en Madrid votan diametralmente a oposta.

Obxectivo da iniciativa: máis capacidade para a Galiza

A Comisión de Política Territorial do Congreso foi o espazo onde se debateu a iniciativa do BNG que tiña por obxectivo demandar a convocatoria urxente da Comisión Mixta Xunta-Estado para negociar o traspaso das competencias pendentes á Galiza.

Entre as corenta competencias enumeradas polo BNG destaca a transferencia en materia de Tráfico e Seguranza Viaria e desenvolver a policía galega, a xestión do Ingreso Mínimo Vital e a do dominio público marítimo-terrestre, os Servizos e infraestruturas viarias e ferroviarias como a AP-9 e a AP-53, Portos de Interese Xeral e os Paradores localizados na Galiza, obras hidráulicas ou a xestión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Así mesmo, a iniciativa do BNG tamén propuña “transferir á Galiza” Salvamento Marítimo e os medios de loita contra a contaminación mariña; os servizos sanitarios e asistenciais a traballadores e traballadoras do mar (ISM); inspección de traballo; meteoroloxía; os centros de investigación con sede na Galiza; as funcións e servizos de Institucións de Penitenciarías ou as competencias en materia de emigración e inmigración.

“A Galiza debe ter presenza en entidades do carácter estatal como o Banco de España, Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA, órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo na Galiza e nas comisións reguladoras de servizos liberalizados” defende Rego.

Por outra parte, a iniciativa do BNG instaba a que o Goberno do Estado dese conta anualmente das xestións e acordos da Comisión Mixta, incluíndo todos os informes e escritos en relación coa convocatoria da Comisión e a demanda de transferencias.

Capacidade para decidir por si mesmo e concerto económico

“O BNG defende un novo status político de nación e un novo sistema de financiamento -baseado no concerto económico- que nos permita afrontar os retos de futuro con garantías, con capacidade para decidir sobre os asuntos que interesan aos galegos e galegas” sinala o deputado nacionalista. Para a organización nacionalista “é preciso ter recursos financeiros para fortalecer os servizos públicos e impulsar o desenvolvemento económico e o benestar social”.

En opinión de Néstor Rego, no actual contexto “é prioritario dar un salto adiante no autogoberno mediante a asunción de novas competencias que outorguen unha maior capacidade de respostas aos retos dunha nosa era”. A comezar, engade Rego, por asumir as competencias contempladas no actual Estatuto e transferir aquelas que están previstas mediante delegación do Estado por Lei Orgánica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG