parlamento galego

O PP négase a auditar os contratos da pandemia malia que “houbo quen aproveitou para facer negocio da catástrofe”

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Tabarés denuncia que a maior parte dos contratos realizados pola vía de emerxencia están sen fiscalizar e advirte dos “indicios de irregularidades”

Subliña a concentración das adxudicacións nun puñado de empresas, entre as que figuran as relacionadas co cuñado de Feijóo ou a parella de Ayuso

O Partido Popular votou en contra da iniciativa do BNG para someter a unha auditoría externa, a cargo de profesionais independentes, as contratacións de emerxencia efectuadas pola Xunta como consecuencia da pandemia da covid. Unha iniciativa defendida no primeiro pleno ordinario da lexislatura polo deputado Iago Tabarés, quen lamentou a falta de transparencia do Goberno do PP malia que existen claros “indicios de irregularidades” e o convencemento de que houbo quen tirou proveito da desgraza colectiva, denunciou.

“Segundo imos coñecendo, mentres neste País todas estabamos confinadas e moita xente arriscaba a súa vida polos demais, houbo quen -eses aos que Feijóo chama pillos- aproveitou para facer negocio desa situación catastrófica”, censurou o deputado nacionalista, quen subliñou as “irregularidades de consideración” detectadas polo Consello de Contas que, en contra do que di o PP, non fixo, nin moito menos, unha fiscalización completa dos contratos de emerxencia da pandemia.

Precisou, neste sentido, que a fiscalización de Contas limitouse no tempo -de marzo de 2020 a maio de 2021- e só incluíu unha parte das contratacións de emerxencia do Sergas,  deixando fora todas as consellerías, axencias, corporacións ou outras entidades do sector público autonómico que, segundo datos do 2021, asinaron o 70 % da contratación de emerxencia da Xunta.     

Pese ás limitacións ao seu labor, a fiscalización do Consello de Contas detectou importantes irregularidades, como deficiencias nas memorias xustificativas, falla dun mínimo de concorrencia e de comprobación sobre as adxudicatarias, contratación feita de xeito directo e de forma verbal ou ausencia de publicidade. Un cúmulo de irregularidades que o deputado do BNG  exemplificou referíndose a contratacións por importe de máis de nove millóns de euros nas que a prestación do servizo iniciouse fora do prazo máximo que permite a lei.

Tabarés destacou ademais algunhas cifras para resumir as consecuencias da mala praxe recollida por Contas: no 2020 o 40 % das adxudicacións concentráronse en 11 empresas, mentres que no 2021 a concentración foi aínda maior, pois o 66 %  dos contratos foron para catro empresas.

Non  resulta moi “aventurado” presumir que empresas foron adxudicatarias, continuou Tabarés, lembrando que a máis beneficiada polos contratos de emerxencia da pandemia foi precisamente Universal Support, na que ostenta importantes responsabilidades o irmán da parella do ex presidente da Xunta e hoxe líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ao que o deputado do BNG lembrou que ten pendente de xustificar no Parlamento galego unha variación patrimonial entre xullo de 2020 e abril de 2022 de máis de 800.000 euros.

Os contratos con esta empresa, sen relación co sector sanitario, chegaron aos 20 millóns de euros e se duplicaron no período analizado por Contas.

Para outra das empresas máis beneficiadas traballou como comisionista “unha persoa coñecida pola súa relación coa señora Díaz Ayuso e pola presunta comisión de delitos fiscais”, agregou Tabarés.

O deputado nacionalista referiuse tamén ao caso de Sibucu, que no 2020 levou un contrato de emerxencia por dous millóns de euros destinados á compra de máscaras. Segundo explicou, a Xunta deixou de contratar con esta empresa cando transcendeu que as máscaras que comercializaba carecían de certificado ou este fose falso, se ben si asinou contratos con Moonoff, participada ao 100 % por Sibucu.

Prexuízos ao tecido empresarial “honesto”

O portavoz de Presidencia, Xustiza, Interior e Emerxencia no goberno alternativo do BNG  lamentou o voto en contra dos deputados do PP a unha iniciativa que, destacou, tiña como obxectivo a transparencia e a loita contra a corrupción como instrumentos para a protección dos recursos de todos os galegos e as galegas e dos servizos públicos.

Neste sentido, lembrou que as adxudicacións de contratos a dedo e a arbitrariedade provocan que a Administración pague máis polas mesmas prestacións ou servizos, condicionan o funcionamento destes e, ademais, prexudica ao tecido empresarial “honesto e profesional que se ve relegado no acceso a contratación pública en beneficio doutras empresas cuxo mérito principal é contar con irmás, cuñados, compañeiros e demais parentela con poucos escrúpulos”.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG