Municipais 2023

Pontón destaca que o BNG entrará con forza renovada en Vimianzo cun equipo que sae a por todas liderado por Queiro

Acto Vimianzo
Acto Vimianzo

Destaca do candidato á Alcaldía “o entusiasmo e capacidade de traballo de quen sempre estivo na defensa dos intereses do concello e da veciñanza”

Visitou Muxía para apoiar á candidatura que encabeza Carlos Fernández e augura un gran resultado para o BNG cun proxecto para facer avanzar o municipio

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato do Bloque á Alcaldía de Vimianzo, Benxamín Queiro, “que lidera unha candidatura para transformar Vimianzo en positivo, con ideas e propostas para mellorar a vida das persoas”, salientou.

Pontón destacou de Queiro “o entusiasmo e a capacidade de traballo de quen sempre estivo aí, na defensa dos intereses deste concello e da súa veciñanza”, polo que anticipou que a candidatura nacionalista “obterá un gran resultado o 28M grazas a un equipo de homes e mulleres que non vos poñedes límites porque ides a por todas” na próxima cita coas urnas, destacou, poñendo en valor tamén ao equipo que acompaña ao candidato.

A portavoz nacional referiuse aos gobernos municipais do BNG “que son un exemplo de calidade, son gobernos solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, capaces de transformar en positivo, aportando dinamismo económico, social e cultural, porque o seu fin é mellorar a vida das persoas, convertendo as vilas e cidades que lidera en modelos de bo facer, referentes en todo o País”.

Benxamín Queiro ten o liderado e o proxecto necesario, indicou Pontón, para aportar servizos de calidade a Vimianzo, completando dunha vez por todas servizos básicos para a veciñanza como a rede de saneamento e a traída de auga a todos os núcleos de poboación do concello, ademais de facer unha aposta decidida pola mellora das prestacións sociais que ofrece o municipio.

O proxecto do BNG para este concello tamén inclúe o arranxo do entorno do Castelo de Vimianzo, un activo de primeiro nivel para ao sector do turismo e da hostalería;  aposta polo tecido económico local promovendo o parque empresarial do municipio e a mellora das infraestruturas do concello apostando pola urbanización e humanización dos espazos públicos.

A líder nacionalista tamén fixo referencia o momento de crise de prezos e de gran dificultade para a maioría social na que se desenvolve a campaña electoral fronte a un Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina e desconectado da realidade da xente do común e incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”.

Neste sentido, criticou a falta de política de vivenda dun PP “sen propostas para a xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer, nin para as familias cuxos alugueiros subiron un 30% de media nas grandes cidades ou para os 175.000 galegos e galegas que teñen unha hipoteca e que soportan subidas de 300 ou 400 euros ao mes”, reprobou.

Visita Muxía
Visita Muxía

Por unha Muxía con máis servizos

Previa ao mitin en Vimianzo, Pontón desprazouse a Muxía para apoiar á candidatura que encabeza Carlos Fernández da man dun BNG con medidas concretas para mellorar este concello, empezando por un plan integral de saneamento completando tamén aquí a conexión á rede municipal de augas. Igualmente, aposta por mellorar os servizos socias do concello coa creación dun centro de día, tendo en conta o alto nivel de envellecemento da poboación, mentres que no ámbito económico hai unha estratexia de traballo para converter Muxía nun referente de turismo cultural e de natureza.

Finalmente, a xente moza tamén ten un lugar nas propostas de goberno do Bloque, que pon o foco nas dificultes crecentes da xuventude para conseguir vivenda a un prezo que lle permita pagar os seus salarios ante a auxe dos alugueres turísticos.

Por un modelo eólico xusto

A portavoz nacional fixo tamén referencia ao espolio eólico promovido tanto polo Goberno central como pola Xunta, “porque tanto co PP como co PSOE, ás eléctricas sempre teñen unha cadeira reservada no Consello de ministros e ministras sen presentarse ás eleccións”, criticou.

Porque, remarcou Pontón, o BNG está a favor da transición enerxética, “pero xusta e democrática, non unha barra libre para o beneficios dunhas multinacionais” senón apostando por un modelo eólico desenvolvido desde a xestión pública, protexendo o medio ambiente e cun deseño que beneficie ao País. “Queremos que a nosa riqueza eléctrica se poña ao servizo das familias e das empresas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG