A portavoz nacional, Ana Pontón, defendou ante o vicepresidente da Comisión Europea e comisario responsable de Fondos e Reformas, Raffaele Fitto, que lonxe de recortar é preciso aumentar os fondos destinados á política agraria común (PAC), ao sector pesqueiro e a financiar as políticas de cohesión social e territorial, nun momento en que Bruxelas está en plena negociacion do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, en definitiva, os orzamentos comunitarios para os vindeiros anos.
“Galiza xógase moito porque corremos o risco dun recorte drástico dos fondos que recibimos, nun contexto no que a Unión Europea está disposta a aumentar o gasto militara para obedecer ós Estados Unidos de Trump”, advertiu Pontón. De feito, a proposta inicial presentada polo Executivo comunitario implica unha baixada do 25% na política agraria común e de até un 67% de recorte nos fondos para a Pesca, “o que sería un mazazo para os dous dos sectores produtivos máis importantes do País”, trasladou Pontón a Fitto, nunha reunión na que tamén participou a eurodeputada, Ana Miranda.
O encontro foi valorado moi positivamente pola portavoz nacional tanto pola receptividade mostrada por Raffaele Fitto ás propostas a favor de Galiza, como polo feito de que o comisario ofreceu ao BNG a oportunidade de trasladar directamente ao seu departamento as medidas e demandas da formación nacionalista en materia de financiamento, prioridades e necesidades para Galiza.
Na xuntanza, Pontón sintetizou ante o comisario a posición do BNG a favor de Galiza, con tres puntos clave: Aumentar os fondos destinados á agricultura e á pesca; avanzar en investimento social e de cohesión, “que non pode ser sacrificado en aras do gasto militar” e, terceira cuestión, camiñar cara a descentralizada dos fondos, “porque é importante que a parte do financiamento europeo que lle corresponde Galiza se xestione desde Galiza e non desde Madrid”.
A portavoz nacional deixou unha mensaxe clara na súa reunión co comisario: “Si a aumentar o orzamento para política agraria común, para a pesca e para protección social, e non a máis gasto militar e a máis centralización nos estados a costa das comunidades autónomas.
Unha idea na que insistiu Miranda: “O BNG terá unha posición moi firme no Parlamento Europeo á hora de negociar a proposta que presenta a Comisión, e imos facer valer os criterios que benefician a Galiza na adxudicación dos fondos comunitarios, como o despoboamento, a falta de servizos no rural ou facilitar o relevo xeracional”.
Bombardeo ilegal de Irán
Pontón tamén fixo referencia ao lamentable e subordinado papel da Unión Europea ante o bombardeo ilegal a Irán e noutros países de Oriente Medio por parte de Trump e Netanyahu.
“Insistimos na condena destes ataques que vulneran o dereito internacional, que ademais están poñendo en risco ao conxunto da poboación, e senón se frea esta escalada militar as consecuencias poden ser imprebisibles e nefastas para as maiorías sociais e para todos os pobos”.
A líder do Bloque valora a posición do Goberno do Estado pero pide máis contundencia e decisión á hora de opoñerse a estes ataques ilegais.
“Parécenos moi ben que o presidente do Goberno asuma o non á guerra, que desde o BNG levamos defendendo desde sempre, pero pensamos que o non a guerra ten que ser algo máis que un slogan e que, polo tanto, esperamos unha acción contundente por parte do Estado para que esa proclama se concrete en feitos”, subliñou.
Ademais, a líder do Bloque cualificou de “vergoñenta” a posición que manteñen as institucións europeas “que nin sequere se atreven a dicirlle a Trump que se vulnera o dereito internacional, que son incapaces nin de condenar este ataque unilateral, poñéndose no lado equivocado da historia e poñéndonos a todos e a todas en perigo”, concluíu.