A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de precarizar as condicións de traballo de miles de mulleres nos servizos públicos feminizados, na vez de implantar medidas que favorezan a igualdade real das mulleres, demostrando unha vez máis que, nesta materia, o presidente da Xunta “non ten absolutamente nada que ofrecerlle ás mulleres”.
Pontón afeou ao xefe do Executivo que “abrazara” ao goberno de Javier Milei -“o señor da motoserra coa que tamén recorta os dereitos das mulleres”, subliñou-, mentres miles de mulleres percorrían as rúas o 8M para condenar “ese neofascismo que quere levarnos para atrás”, demostrando unha vez máis que o PP, “lonxe de ser parte da solución, é parte do problema”.
E así o vén demostrando, afondou na sesión de control parlamentaria, mesmo dende a súa chegada ao goberno, cando cunha man recortaba as contías das axudas ás vítimas de violencia machista, mentres que coa outra drenaba recursos públicos a unha rede antiabortista, e, ao tempo, suprimía a Secretaría Xeral de Igualdade, o Servizo Galego de Igualdade e os puntos de información á muller, “deixando moi claro que lle sobran os mecanismos institucionais a favor das mulleres”, subliñou.
“Acaban de privatizar os centros de crise 24 horas, casualidades, para beneficiar a Eulen”, subliñou a portavoz do BNG, quen recordou ao titular da Xunta que a fenda salarial ronda os 5.000 euros anuais “sen que o seu goberno mova un dedo” e que no ensino traballan 30.000 persoas, a maioría mulleres, que carecen do plan de igualdade que lle esixe a lei.
“E o colmo do despropósito é que o seu goberno vulnera os dereitos laborais de centos e centos de traballadoras nos servizos públicos, con condicións que, en moitos casos señor Rueda, deberían avergoñalo”, recriminou, para advertiu a continuación da precariedade que están denunciando as traballadoras das residencias ou das casas niño, por citar dous exemplos.
A líder nacionalista tamén apuntou que o 50% das enfermeiras están en precario no Sergas, “a principal ETT deste País”, e que o Executivo do PP continúa “descargando sobre as mulleres os coidados e a atención á dependencia”, condicionando o seu desenvolvemento persoal e profesional.
“A discriminación das mulleres é intolerable sempre, pero moito máis cando se practica por parte de quen ten a obriga legal de traballar para que vivamos nun país en igualdade”, afirmou. Por iso, e ante a incapacidade de Rueda de poñer sobre a mesa unha soa medida para favorecer a igualdade real en Galiza, Pontón ofreceu tres propostas moi claras: rematar coa precariedade no Sergas e na atención á dependencia, incluídas as residencias; reforzar os servizos públicos de coidados para no descargalos “a prezo de saldo” sobre as mulleres; e incrementar as axudas ás vítimas de violencia de xénero e reverter a privatización dos centros de crise 24 horas.
Ante os seus reiterados ataques reproducindo en sede parlamentaria “os bulos e campañitas” do PP contra o BNG e a súa portavoz nacional, Pontón fíxolle a Rueda unha petición moi clara: “Exíxolle que nunca máis volva a dicirme de que podo ou non podo falar eu neste Parlamento porque dicirlle a unha muller de que pode ou non pode falar é unha machistada impropia dun presidente da Xunta”, reclamou en referencia á anterior sesión de control, na que o titular do Executivo lle espetou literalmente “a partir de agora non me volva a falar de machismo na vida”.
Leccións de feminismo do PP, ningunha
A líder nacionalista advertiulle que non vai aceptar nin unha soa lección de feminismo a un PP que aplaudiu e segue sen condenar a Alberto Núñez Feijóo, daquela presidente da Xunta, que lle dixo no Parlamento “estar moi necesitada”, cun Rueda “sentado ao seu lado, ríndolle a machistada e asentindo coa cabeza”.
O mesmo PP, afondou apoiándose en distintas informacións xornalísticas, que vota en contra do rexeitamento dos discursos negacionistas da violencia de xénero, que cualifica de “violencia intrafamiliar e non machista” un crime de violencia vicaria, que xustifica a violencia machista dun candidato de VOX porque “tivo un divorcio duro” ou que recupera a un concelleiro na Illa de Arousa condenado por violencia machista e o presenta como “exemplo de loita pola igualdade”.
“Leccións de feminismo do Partido Popular, ningunha”, recalcou, para recordar a continuación a súa clara posición, dende o primeiro minuto, en relación ao bulo do PP sobre o cartel da CIG e que volveu repetir, unha vez máis, nesta sesión de control.
“As mulleres, en política, igual que aos homes, hai que criticarnos polas nosas actuacións políticas e non por calquera outra cousa, e a min nunca me vai ver criticando a unha muller por como viste, nin polo que fai na súa vida privada”, afirmou, para recriminarlle a Rueda que lle dea igual ás veces que repita a súa posición, porque “isto non vai de igualdade”.
“Isto vai das súas campañitas contra o BNG, dos seus bulos, da súa infamia e de que son o Partido Popular máis ultra”, sintetizou, para acusar ao PP de “querer converter o Parlamento nunha lameira importando o manual do Partido Popular”, estratexia na que tamén enmarcou as críticas do PP a unhas declaracións da autora da campaña do 8M do Bloque sobre a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
“Xa lle digo que non as comparto en absoluto”, aclarou a Rueda, para indicarlle a continuación que, se tan interesado está na súa opinión sobre a señor Ayuso non tiña ningún problema en facilitarlla: “Creo que debería de estar sentada nun xulgado polas 7.000 persoas que faleceron nas residencias madrileñas polo protocolo da vergoña, un protocolo que non vin condenar a ningún do Partido Popular e tampouco a vostede”, recriminoulle.
Pontón considerou que, se cadra, o que lle molesta realmente ao xefe do Executivo e ao PP do cartel do 8M do BNG é que criticase “os neofascistas como Milei, que recortan dereitos ás mulleres”. En todo caso, a portavoz nacional advertiu a Rueda que non “a vai calar” e que pensa seguir levando ao Parlamento os temas que considere máis oportunos. “Porque iso, señor Rueda, é liberdade e democracia”, concluíu.