A portavoz de Igualdade do BNG Noa Presas emprazou o PP a “abandonar a súa pasividade” e a por en marcha políticas efectivas que visibilicen, denuncien erradiquen a discriminación que sofren as mulleres tamén no ámbito económico, con peores salarios, máis parcialidade e máis temporalidade.
Nunha pregunta á directora xeral de Promoción da Igualdade e aproveitando a proximidade do 8-M, Noa Presas advertiu das “ameazas e retrocesos” que se están a dar a nivel global, cun “rearme” do machismo e do avance da extrema dereita coa que, subliñou noutra intervención, vaise entrevistar o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa visita a Arxentina. Rueda ten previsto reunirse co Executivo de Milei, que está tombando a lei do aborto e quere perseguir penalmente ás mulleres que o queiran exercer.
É por ese rearme do machismo que a deputada nacionalista considerou aínda máis necesarias medidas para combater a desigualdade das mulleres como un problema de dereitos humanos e tamén económico, que impacta non só na vida das mulleres senón en toda a sociedade e na propia economía galega.
“A discriminación económica e laboral é un dos principais elementos de control e dominación patriarcal que axuda a perpetuar outras desigualdades”, manifestou, para engadir que, dende o punto de vista da economía, esa desigualdade “custa cartos”. Segundo a última conta de produción doméstica, a contribución invisible das mulleres equivale ao 50 % do PIB, unha cifra de 2010 que urxiu a actualizar.
Ademais de reclamar medidas para combater a discriminación económica, Presas emprazou á Xunta do PP a elaborar un estudo cuantitativo e cualitativo sobre o impacto que ten na economía galega a desigualdade das mulleres, de forma que se poida facer unha diagnose e deseñar políticas adecuadas que permitan eliminar as fendas de xénero.
“Malia que é ilegal, a fenda salarial aínda está en Galiza en 4.687 euros, o 18,4 % en termos absolutos, pero se exceptuamos sanidade ou ensino, no resto de actividades económicas nas que as mulleres son maioría a fenda supera o 23 %”, denunciou a deputada nacionalista que, para afondar nesta cuestión, subliñou tamén o 60 % dos contratos fixos-discontinuos son de mulleres, que só o 45,6 % teñen indefinidos a tempo completo fronte ao 71 % dos homes ou que a temporalidade acada o 29,9 % fronte ao 17,8 dos homes.
A portavoz de Igualdade nacionalista referiuse así mesmo á feminización da pobreza como realidade “persistente e crecente” pois, segundo os datos da rede galega contra a pobreza, en 2023 as taxas de risco de pobreza femininas superaron ás masculinas no global e en todos os tramos de idade.
Un PP desesperado que recorre a estratexias ‘macarras’ e ‘carroñeras’
Presas interveu tamén hoxe na Comisión 5ª para dar réplica á comparecencia da directora xeral de Promoción da Igualdade, un debate no que acusou o PP de estar “cada vez máis hibridado co fascismo, co negacionismo e co peor da política estatal e internacional”. “Tanto abrazar a Milei e Abascal están esquecendo onde está o norte”, dixo dirixíndose ás bancadas do PP, ás que afeou os seus intentos de “difamación” e que estean “máis entregados que nunca ás estratexias da intoxicación” e da “frivolidade”.
Segundo denunciou, os populares galegos están afanados nunha “estratexia de distracción” e “desesperación” baseada na mentira e que demostra que “os dereitos das mulleres lles importan un bledo”. Recalcou, neste sentido, que
“Miren, señores do Partido Popular, o que hai detrás da súa estratexia de desesperación é a preocupación lóxica e fundada porque teñen diante o BNG máis unido da historia e con máis capacidade de intervención política e de alternativa. Un Bloque con alternativas na violencia machista e a favor da igualdade, con alternativas a favor de dignificar os servizos públicos”, salientou. E engadiu: “Están preocupados porque no BNG hai unha líder absolutamente incuestionable e que é a mellor candidata posible”.
Presas acusou ademais o dirixentes populares de non ter “ningún tipo de límite moral” e subliñou que o BNG nunca vai recibir leccións de feminismo do PP “que o primeiro que fixeron ao chegar á Xunta foi recortar ás axudas de violencia machista e abrazar unha lei da Madre”, o mesmo PP que privatiza os centros de crise contra a violencia machista, ou o mesmo que “depaupera os servizos públicos para que as mulleres deste País teñan cada vez máis que asumir no seu lombo o custo que iso implica”.
“Ningunha lección do PP que nin sequera quería listas electorais 60-40 % ou que dicían que as leis de igualdade eran simplemente un problema”, manifestou, para engadir que as mulleres do BNG non teñen “nin medo nin vergoña, nin ante o fascismo nin ante o machista nin ante as estratexias cada vez máis macarras e carroñeras do PP”.