parlamento galego

Montserrat Prado: “De cada dez euros dos que dispón o SERGAS para contratación, sete con cinco son contratos a dedo”

Montse Prado
Montse Prado
A portavoz de Sanidade denunciou como a Consellería de Sanidade, a través do Sergas, gasta “ata nove de cada dez euros da contratación pública” no ámbito da contratación discrecional e sen concurso público

O BNG denunciou no Pleno do Parlamento “o escurantismo” dunha Consellería de Sanidade que “de cada dez euros derivados ao Sergas para realizar contratacións, sete con cinco son derivados á contratación a dedo”, revelou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, nunha interpelación ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Segundo o balance de contratación pública da Xunta correspondente ao 2022, informou Prado, o goberno galego licitou 2.233 millóns de euros en contratos, “dos que 983 millóns de euros, o 45%, foron pola vía de contratos menores e negociados sen publicidade, é dicir, contratos abertos, que limitan a competitividade entre as empresas, xa que non son procedementos abertos a calquera empresa interesada”, sinalou.

A portavoz de Sanidade reprobou o modelo de contratación que está a realizar Sanidade, sen publicidade, de forma directa, sen concorrencia competitiva ou igualdade de trato, “nos que non existe expediente de contratación e, polo tanto, carécese de pregos que regulen a contratación, de oferta ou de contrato que estableza e ordene os dereitos e obrigas das partes”. Isto deriva “nunha situación de escurantismo, porque esta Cámara descoñece a onde manda o Executivo do PP os cartos para as contratacións a dedo”, denunciou.

“Vostede teñen que ser rigorosos, non estamos falando dos seus cartos, falamos dos cartos de todos os galegos e galegas”, reprobou Prado a García Comesaña ao que inquiriu “a quen se está contratando? Fagan auditoría disto. A que empresas contrata o Sergas? Non falamos de calderilla de peto, falamos de diñeiro montante”.

Estas “contratacións a dedo”, argumentou a deputada do Bloque, “xa lles foron reprobadas polo Consello de Contas polo abuso deste tipo de contratos, que un ano máis quedou pendente por parte da Xunta corrixilo”, recriminou á bancada popular. “Ou sexa que o Sergas acapara no 2022 o 56.7% da contratación pública da Xunta, o 75% dos contratos menores e negociados sen publicidade e o 90,4% do orzamento dos contratos a dedo”, desglosou Prado á Cámara.

Prado expuxo como esta actitude “non é algo único do 2022, é unha cifra que non deixou de aumentar no tempo”. De feito, “no 2022 aumentaron os contratos a dedo en 233 millóns máis que no ano 2021”, sendo o Sergas responsable “de 1.026 millóns en licitacións, das que case o 64% correspondeu a contratos menores, o que supón 656 millóns” para os contratos a dedo. “O volume de orzamento destinado á contratación a dedo aumentou dun 37% no 2021 a un 45% no 2022” na administración autonómica, na que o Sergas “lidera a suba” ironizou, “dun 64% en 2021 a 90% en 2022”, remarcou.

“Que xustificación ten que este tipo de contratos e o volume de orzamento sexa maior que nos anos de pandemia? Nin coa pandemia foron capaces de recapacitar”, acusou aos Populares, aos que esixiu “transparencia”, “porque vostedes fan da Xunta unha máquina de facer negocio con contratos a dedo”.

A portavoz de Sanidade demandou ao Goberno do PP unha auditoría externa sobre os contratos menores e negociados sen publicidade realizados polo Sergas nos últimos cinco anos “e especialmente no último ano 2022”, incidiu, e emprazou a García Comesaña a presentar no Parlamento “un informe no que consten a totalidade dos  contratos menores e negociados sen publicidade realizados polo Sergas no ano 2022 por un importe de 889 millóns de euros, para saber en que foron usados e quen foron os beneficiarios”, demandas que foron rexeitadas polo conselleiro de Sanidade.

Prado descartou as explicacións de Comesaña e insistiu “na necesidade de poñer luz e taquígrafos neste asunto”, porque, subliñou “aínda gastando o total de orzamento dedicado a farmacia, como din vostedes, hai cartos que non sabemos a quen vai e o PP está asignando sen ningún tipo e transparencia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG