parlamento galego

Montse Prado apela a seguir avanzando no dereito a morrer dignamente e advirte do risco de retroceso co PP máis ultra

Montse Prado
Montse Prado

O PP anuncia o seu voto en contra dunha iniciativa para declarar o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galiza en recoñecemento á loita de Ramón Sampedro

O BNG leva ao Parlamento a petición da Asociación Dereito a Morrer Dignamente

A deputada do BNG Montse Prado apelou hoxe a seguir avanzando no dereito a morrer dignamente e advertiu do risco de retroceso nas conquistas xa feitas da man dun PP “instalado no radicalismo máis ultra”. Prado fixo estas declaracións durante a defensa no Pleno do Parlamento dunha proposición non de lei, contra a que se posicionou o PP, para declarar o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galiza, unha data que serviría tamén, cando se cumpren 25 anos do seu falecemento, para recoñecer na persoa de Ramón Sampedro a loita levada a cabo a favor deste dereito das persoas.

Na súa iniciativa, Montse Prado recolleu a reclamación feita pola Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galiza, que cada 12 de xaneiro, xunto a familiares e amizades celebra na praia das Furnas (Xuño-Porto do Son) un acto de recordo de Ramón Sampedro e en defensa do dereito das persoas a decidir libremente sobre a súa forma de morrer e a recibir axuda para elo.

“Nestes 25 anos a sociedade avanzou na súa transformación, no recoñecemento da súa pluralidade moral e na secularización da vida e a conciencia social, no desenvolvemento de dereitos e a conciencia social, na creación de recursos públicos, no funcionamento democrático das institucións e no recoñecemento á autonomías das persoas”, recoñeceu a deputada nacionalista. Considerou, neste sentido, que tanto a lei galega aprobada no 2015 de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais como a lei estatal de regulación da eutanasia do 2021 foron pasos importantes. Porén, engadiu,  “aínda queda moito por avanzar”.

A  iniciativa perseguía, sobre todo, o recoñecemento ao papel de Ramón Sampedro como “referente” pola súa contribución a dar visibilidade ao problema das persoas que non encontraban resposta á súa demanda de querer morrer e como “auténtico pioneiro en expoñerse para reivindicar o dereito a decidir sobre a súa morte.

A declaración da efeméride o 12 de xaneiro “é precisa para recoñecer o traballo realizado por persoas con nome e apelidos para que unha sociedade avance e se recoñezan dereitos”, sostivo a deputada do BNG, que lamentou o anunciado voto en contra do PP porque “así non se trata ás persoas e colectivos que traballan incansablemente para que avancemos en dereitos”. “Non sei se con este voto o PP perde a súa dignidade, porque para perder algo primeiro hai que telo”, ironizou, ao tempo que advertiu sobre o risco de retroceso que supón o PP máis ultra para conquistas xa acadadas neste terreo, como supuxo a lei galega de 2015 ou a lei da eutanasia.

Lembrou, neste sentido, que o propio PP, a través da súa representación na Fegamp, deu o seu apoio no 2019 a unha declaración institucional na que se apoiaba a proposta de DMDG para o recoñecemento do 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galiza. “Que pasou dende entón?”, preguntouse.

A información á sociedade, a formación de profesionais, os medios para o rexistro do Testamento Vital ou a difusión do mesmo son algunhas das cuestións nas que, asegurou Prado, aínda se poden mellorar.

A deputada criticou, por outra banda, a xestión que está a facer a Xunta do PP do dereito á eutanasia, que entre o 25 de xuño de 2021 e o 30 de xuño deste ano solicitaron en Galiza 58 persoas, aínda que só a 21 lles foi aplicada.

“Galiza, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade, está á cola no que se refire ás instrucións previas rexistradas”, lamentou tamén, reprochando ao PP a falta de campañas de información ás que, lembrou, obriga a lei do 2015.  

Prado rematou comprometendo o apoio do BNG a seguir avanzando no dereito a morrer dignamente, “con máis profesionais, máis medidas e máis recursos”, dixo, ao tempo que subliñou que “unha sociedade avanza cando as persoas teñen á súa disposición dereitos que libremente poden exercer ou non”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG