Parlamento Galego

Luís Bará acusa á Xunta de implantar a figura de mediador parental a través dun “chiringuito privado, reaccionario e machista”

Luís Bará
Luís Bará
Pide a eliminación do Servizo de Apoio Integral e Multidisciplinario (SAFIM) en mans da Asociación de País e Nais separados de Galiza e crear un servizo público para velar polos dereitos da infancia nos casos de separacións

O deputado do BNG, Luís Bará  preguntou hoxe ao  goberno que  criterios utilizou a  Xunta para implantar a figura de  “mediador parental” a través do SAFIM, “un chiringuito reaccionario e machista”.

O parlamentario explicou que a  Asociación Galega contra o Maltrato a Menores formulou diversas denuncias pola apertura dun centro de atención a familias separadas en colaboración  coa  Asociación de Pais Nais Separados de Galiza e co  apoio económico da Consellaría de Política Social da Xunta de Galiza.

Bará  pediu a eliminación do Servizo de Apoio Integral e Multidisciplinario (SAFIM) por considerar que os nenos e nenas en situación de conflito por unha separación non poden ser atendidos pola entidade País e Nais separados de Galiza que manteñen  posicións políticos favorables á imposición da custodia compartida e rexeita   avances en materia de violencia machista como demostra o seu recente recurso ante o Tribunal Constitucional respecto do Real Decreto-lei 9/2 de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero poñendo en dúbida medidas xa consolidadas en Galiza como a non necesidade de denuncia xudicial para a acreditación da condición de vítima de violencia machista.

Pola súa parte, a directora Xeral de Familia e Infancia, Amparo González  xustificou a subvención á entidade  polo  que deputado volveu a preguntar se Xunta apoia a un organismo que favorece a implantación da coordinación parental e a lexitimación do “inexistente síndrome de alienación parental.

Para a deputado, a apertura do SAFIM, “non é compatible  cos consensos impulsados arredor da lei galega de violencia machista e unha asociación contraria aos avances desta violencia non é adecuada para estes fins”. A Xunta, recalcou  o nacionalista, non pode relegar funcións que deben corresponder a organismos públicos e especializados  en mans de  “organismos sen control e vixilancia” cuxa selección de persoal e situación laboral das persoas  é decisión da propia asociación. O deputado tamén preguntou se a concesión de subvencións contou co informe da Secretaria Xeral de Igualdade e o Observatorio galego da Violencia de Xénero.

Parécelle adecuado á Xunta de Galiza que os impostos das e dos galegos vaian para promover organismos “negacionistas da violencia machista nun contexto no que os posicionamentos abertamente fascistas están a entrar en todas as institucións”? O parlamentario  nacionalista lamentou que a directora xeral de Familia e Infancia xustificara o SAFIM e acosouna de “escapismo” por non responder a ningunha das preguntas formuladas polo BNG:

Bará reiterou que se está a subvencionar pola “porta de atrás” un servizo que se presenta neutral e semipúblico cando en realidade conta cunha carga ideolóxica “moi perigosa”  e parella á ofensiva ideolóxica reaccionaria de medidas propostas polos  gobernos do Partido popular, ben  por iniciativa propia ou acordos con VOX. Resulta “unha fraude e unha trampa” utilizar tres subvencións para crear un servizo que non está nas propias solicitudes das subvencións.

Finalmente o deputado preguntou á directora xeral de Familia e Infancia se comparte a orientación ideolóxica “reaccionaria, integrista e  machista” da entidade que cuestiona a violencia de xénero e as medidas consensuadas para o loita contra a violencia de xénero, cuestión á que Amparo González tampouco respondeu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG