A senadora do BNG, Carme da Silva, formulará ao Goberno unha pregunta oral durante a sesión de control do vindeiro martes, 25 de novembro, dirixida á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. A representante nacionalista quere que o executivo concrete “cales son os obxectivos de produción e almacenamento enerxético na Galiza”, nun momento onde o país afronta importantes ameazas derivadas do actual modelo de desenvolvemento enerxético en favor do oligopolio e en contra dos intereses dos galegos e galegas.
Da Silva avanza que defenderá no Senado que “a Galiza non pode ser unha zona de sacrificio”, mentres denunciará que tanto o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza están a impulsar un modelo altamente agresivo co territorio e alleo aos intereses do pobo galego.
A senadora alertará das graves ameazas que pesan hoxe sobre o país, como o boom eólico depredador, tanto en terra como no mar —agravado pola tramitación dos POEM—, así como a proliferación de proxectos de centrais hidroeléctricas reversíbeis e outras iniciativas que, ao seu xuízo, responderían máis ás necesidades das grandes corporacións que ás necesidades enerxéticas reais da Galiza.
Frente a este escenario, o BNG defenderá unha aposta clara por un modelo de produción e xeración de enerxía distribuída, de menor escala, máis respectuosa co territorio e ligada aos centros de consumo, garantindo que os beneficios queden na Galiza e non marchen fóra.
“Estamos a favor de camiñar cara á transición ecolóxica, mais somos críticos co modelo que está a desenvolver o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza, baseado na produción a grande escala, concentrada en zonas de sacrificio —como no caso galego—, con alto impacto no territorio e ningún beneficio para os galegos e galegas” afirma Da Silva.