Comunicado da Executiva nacional do BNG diante da sentenza do Procés

Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya
Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya
Comunicado da Executiva nacional do BNG diante da sentenza do Procés

Diante da decisión do Tribunal Supremo feita pública no día de hoxe, de condenar representantes políticos e sociais de Catalunya pola súa participación na organización do referendo do 1 de outubro de 2017, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego quere manifestar:

  1. O absoluto rexeitamento a unha sentenza, froito dun xuízo político, que consideramos inxusta e desproporcionada. As presas e presos políticos cataláns non tiveron acceso a un xuízo xusto, imparcial nin desenvolvido coas mínimas garantías. Estaban [email protected] antes de comezar, malia que o seu único delito foi defender, por vías pacíficas e democráticas, o dereito do pobo catalán a decidir libremente o seu futuro.
  2. O noso apoio e solidariedade con Oriol Junqueras, Jordi Turull, Joaquim Forn, Raül Romeva, Dolors Bassa, Carme Forcadell, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, coas súas familias, amizades e coas organizacións políticas e sociais que representan.
  3. Non debemos esquecer que esta situación vén derivada da posición antidemocrática, privada da máis mínima lexitimidade neste aspecto, da forma con que se actuou contra o novo Estatut baleirándoo do seu contido, após ser aprobado polo Parlament de Catalunya, polas Cortes Xerais e polo pobo catalán en referendo. Esta forma de proceder veu demostrar que o Estado español pretende manter un statu quo que nega a existencia de vontade política propia en cada un dos pobos que o integran, neste caso o pobo catalán. Todo o proceso represivo posterior ao referendo do día 1 de outubro de 2017 (as cargas policiais nesa xornada, a aplicación do artigo 155 da CE, o uso das cloacas do estado contra o independentismo catalán e agora esta sentenza) sitúase dentro desta concepción, inasumíbel democraticamente e atentatoria aos seus dereitos básicos, á súa propia existencia como tais.
  4. Esta sentenza é a enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que estamos a vivir e que non só afecta a negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskal Herria e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de retroceso, recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas como a liberdade de expresión, reunión, manifestación, conciencia ou de participación política. Infelizmente, a ameaza da aplicación de novo do artigo 155 da CE para intervir o goberno de Catalunya, a posibilidade dunha reforma electoral para limitar a participación política das organizacións nacionalistas ou -directamente- a súa ilegalización, están hoxe enriba da mesa.
  5. O BNG sempre estará do lado da democracia e do dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro. Por ese motivo, facemos un chamamento a unha rectificación política ao novo goberno español que saír das urnas no vindeiro 10 de novembro. Este é un debate de índole política que nunca se poderá resolver pola vía policial e xudicial. Só ten unha saída: a negociación política e que o pobo poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos.
  6. Hai equidistancias imposíbeis. Ningunha persoa demócrata pode permanecer indiferente ou equidistante ante unha sentenza como a que vimos de coñecer. Por ese motivo, o Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega a participar nas mobilizacións sociais convocadas hoxe ás 20:00h. pola Plataforma Galiza con Catalunya -de que o BNG forma parte- para mostrar o rexeitamento a esta sentenza infame.

 

MOBILIZACIÓNS PARA HOXE LUNS 14 DE OUTUBRO CONVOCADAS POLA PLATAFORMA GALIZA CON CATALUNYA.

gzcat_20191001_Democracia-e-liberdade_RAG