CONGRESO

O BNG urxe no Congreso a intervención pública de Alcoa

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego lembroulle á Ministra de Industria que Alcoa xa rexeitou a proposta de vender e a de buscar investidores ou socios enerxéticos e que persiste na súa folla de ruta , que é a de parar as cubas e fechar a planta de Aluminio.

O deputado do BNG lamenta que a Ministra de Industria, Reyes Maroto, eludise responder claramente se o Goberno español ten vontade de nacionalizar ou non a planta de San Cibrao.

O BNG aposta pola intervención pública de Alcoa para garantir a continuidade da produción de aluminio primario e salvagardar os postos de traballo.

O BNG urxe no Congreso a intervención pública de Alcoa

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, voltou a interpelar directamente a Ministra de Industria a través dunha pregunta oral se o Goberno español contempla a intervención pública de Alcoa para nacionalizar a planta de San Cibrao e garantir así a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

Unha vez máis, a Ministra de Industria, Reyes Maroto, eludiu pronunciarse ante esta cuestión que lle lanzou o deputado nacionalista. O BNG lamenta que o Goberno non teña a vontade e a determinación política para unha intervención pública que garanta manter a produción de aluminio primario e os empregos na comarca. 

Rego lembrou que o día 23 finaliza o prazo de negociación do ERE sen que neste tempo houbese avances que permitan vislumbrar unha solución pactada para a continuidade da planta de Aluminio en San Cibrao. Pola súa parte, a empresa, a pesar de recentes anuncios demagóxicos que incluso vende como inicio da solución a paralización das cubas, non se move un ápice do seu propósito de pechar a planta.

“Rexeitou a proposta de vender e a de buscar investidores ou socios enerxéticos” salientou o deputado do BNG en referencia a Alcoa. O propio Secretario Xeral de Industria, Raúl Blanco, recoñeceu aos traballadores que constata que Alcoa non quere continuar “ofrézaselle o que se lle ofreza” -palabras textuais do Secretario Xeral- polo que todo indica que ten un camiño moi marcado para o seu fechamento.

Por tanto, a única alternativa para salvar a actividade industrial na comarca da Mariña é a intervención pública da planta de aluminio para garantir a continuidade da produción de aluminio primario e salvagardar os postos de traballo. Rego destacou que non hai impedimento legal e que son os gobernos español e galego os que teñen nas súas mans facelo. “Xa non serve escudarse na inacción do outro, o Ministerio ten que desenvolver o seu Plan Industrial e executalo en colaboración co Goberno da Galiza.” subliñou o deputado.

 

O BNG urxe no Congreso a intervención pública de Alcoa