BNG solicita que o pleno do Parlamento Europeo de setembro inclúa un debate sobre os incendios en Galiza

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda insta ao Comisario de Agricultura e á Comisaria de Xestión de Crises a visitar as zonas afectadas do noso país

Diante da grave situación que atravesa Galiza por causa dos incendios, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de solicitar -a través do grupo parlamentar Verdes-ALE-, a inclusión dun debate sobre os incendios no pleno da Eurocámara que terá lugar entre o 8 e o 12 de setembro en Estrasburgo. Ademais, considera prioritario que os comisarios con responsabilidades nesta materia visiten as zonas máis afectadas do noso país. 

Así, a eurodeputada galega enviou sendas cartas ao Comisario de Agricultura, Christophe Hansen, e á Comisaria de Igualdade, Prontitude e Xestión de Crises, Hadja Lahbib, para solicitarlles que realicen unha visita a Galiza dada a magnitude dos lumes, con case 100.000 hectáreas queimadas desde o inicio do verán. Esta cifra supera á superficie queimada polos incendios de 2006.

Ana Miranda subliña que tanto no debate plenario como nos encontros cos comisarios é fundamental abordar as carencias na falta de prevención e nas estratexias de resposta a esta situación, que afectou gravemente as comunidades rurais, destruíndo casas, granxas e gando, e devastando sectores clave como a agricultura e a viticultura. Neste sentido, a eurodeputada galega explica que a xestión ineficaz do persoal de extinción de incendios, xa que tanto os fondos como o persoal son insuficientes, traballando con contratos temporais, só de verán, e apenas reciben o salario mínimo. 

Ofensiva global

“Este modelo de emprego precario prexudica a eficacia e a seguridade dos nosos esforzos de extinción de incendios”, salienta Miranda nos documentos remitidos ao Comisario de Agricultura, Christophe Hansen, e á Comisaria de Igualdade, Prontitude e Xestión de Crises, Hadja Lahbib.

Segundo explica a eurodeputada do BNG, “realizamos estas primeiras accións na Eurocámara para que se fale dos incendios en Galiza e para que os comisarios visiten o noso país”. “Estas serán unhas das numerosas accións que faremos como BNG no Parlamento Europeo”, salienta ao tempo que lembra que estas iniciativas se enmarcan na ofensiva global que está levando a cabo o Bloque en todas as institucións.

Precisamente na sesión plenaria do pasado mes de xullo en Estrasburgo, a eurodeputada galega xa alertou do risco de incendios en Galiza, agravados pola ineficacia da xestión do goberno galego e pola súa aposta polas industrias contaminantes e dependentes do eucalipto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG