O BNG solicita a comparecencia da consellería de Educación para que explique como vai garantir a seguridade sanitaria nas aulas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil: “É inadmisible que a Xunta pretenda facer como se estivésemos nunha situación normal cando o virus, como vemos en cada rebrote, sigue entre nós”

Reclama un protocolo negociado con recursos para facelo efectivo, porque urxe reducir as ratios e para iso hai que contratar máis persoal docente e de servizos

A pouco máis dun mes do arranque do curso escolar e cunha comunidade educativa de 300.000 persoas, o BNG solicita a comparecencia da conselleira de Educación no Parlamento para que explique como vai garantir o Goberno galego a seguridade sanitaria nas aulas, tendo en conta que a día de hoxe non existe nada aparte dun unilateral e contestado protocolo, que deriva a responsabilidade aos centros educativos e non prevé nin contratación de persoal nin medios para a súa implantación.

“É inadmisible que a Xunta pretenda facer coma se non pasase nada e estivésemos nunha situación normal, porque o virus non desapareceu e cada día vemos como se incrementan os casos, como se producen novos contaxios e as consecuencias que ten para o conxunto da sociedade que os protocolos non sexan esixentes e se cumpran”, explicou a deputada electa e portavoz parlamentaria de Educación na pasada lexislatura, Olalla Rodil.

Ao igual que o profesorado, as equipas directivas dos centros, as ANPAs e as organización sindicais, o BNG rexeita o protocolo da Xunta elaborado con criterios “economicistas” por riba dos da seguridade para a saúde, desde a “soberbia” e sen diálogo nin negociación algunha coas partes implicadas. Para a formación que lidera Ana Pontón, hai tres aspectos que fan inviable o protocolo do Goberno galego: carece de orzamentos para implantalo, descarga a responsabilidade nos centros educativos e non foi pactado.

“É necesario máis investimento público e que o protocolo vaia acompañado de orzamento porque a Consellaría de Educación pretende aplicar medidas a custe cero, sen contratar máis docentes nin reducir a ratio de estudantes por aula, como recomendan as institucións sanitarias internacionais”, denunciou Rodil, para quen “non poden primar os criterios económicos por riba da saúde e a calidade educativa”. Fronte a actitude da Xunta, a deputada contrapuxo os exemplos de outros territorios como Cataluña, Andalucía ou Castela e León “que anunciaron que contratarán máis profesorado mentres que o Goberno galego ben por racanería, ben porque non considera o ensino unha prioridade, non vai investir un só euro”.

Neste sentido, Rodil destacou que o Executivo de Feixóo pediu durante a negociación dos recursos habilitados para o ensino no escenario COVID19, -2.000 M€-, poder destinar eses recursos adicionais a outros fins, “non para contratar máis persoal docente imprescindible porque hai que reducir a ratio de alumnado por aula”, explicou, pero tampouco contempla reforzar o persoal administrativo ni o de servizos esenciais como a limpeza.

“Por exemplo, -explicou-, o seu propio protocolo prevé que se limpen os centros de maneira intensiva e constante ao longo de toda a xornada, só os baños terán que ser limpados tres veces diarias, pero a Xunta non vai gastar un euro en máis persoal nin en garantir recursos económicos aos concellos que asumen a limpeza dos centros de Infantil e Primaria, por exemplo, para que se reforce este servizo básico en tempos de coronavirus”.

Tampouco é de recibo que, unha vez máis, o Goberno de Feixóo tente botar balóns fora na xestión desta pandemia, neste caso cara os centros educativos aos que responsabiliza da adquisición de material ou das medidas de prevención que deberán aplicar equipos COVID19 compostos por profesorado sen formación sanitaria, e todo isto a menos dun mes do arranque do curso. Finalmente, reprocha “a falta de diálogo é un desprezo total cara á comunidade educativa na elaboración do protocolo que, lembremos, a Xunta mantivo nun caixón até despois das eleccións por puro oportunismo político”, salientou Rodil.

Por todo isto, o Bloque pide a comparecencia da conselleira Carmen Pomar a través da Deputación Permanente por entender que se trata dunha cuestión clave cunha repercusión directa nas familias do país.

Novos peches en escolas unitarias

“Estamos diante dunha situación excepcional, no medio dunha pandemia mundial e vemos que a Xunta non só actúa de maneira irresponsable facendo que o curse comece coma se fose un curso máis, senón que o PP continúa coa súa folla de ruta habitual pechando unidades e escolas unitarias cando máis se necesitan, como acontece coa unitaria de Luaña, no concello de Brión ou coa aula de Infantil na escola rural de Verducido”, advertiu a deputada, “fai exactamente o contrario do que se indica neste tempos de coronavirus, mesmo pola OMS”.

“O goberno galego recomenda que non haxa reunións familiares de máis de 25 persoas, pero ve normal ter a 30 estudantes nunha mesma aula durante horas”, criticou Rodil. “Insistimos, isto non é un xogo, estamos a falar da saúde das persoas e dun servizo público fundamental como é o ensino, hai que facer as cousas ben e primando os dereitos de todas e todos, do conxunto da sociedade, e non un suposto aforro que nos pode saír moi caro”, recalcou.

O Bloque avanzou que apoiará as novas mobilizacións xa anunciadas pola comunidade educativa para conseguir un protocolo negociado, con medidas claras e con orzamento para facelo efectivo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG