BNG saca adiante no Congreso “impulsar o Plan Industrial para Navantia Ría de Ferrol” e abrila á construción naval civil

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego consegue o apoio da Comisión de Industria da cámara baixa para que a Xunta de Galiza se incorpore ao Consello de Administración e descentralizar a política de compras

Aprobadas as medias do BNG: máis carga de traballo, mellores instalacións e novas infraestruturas para Navantia Ría de Ferrol

O Bloque Nacionalista Galego consegue sacar adiante na Comisión de Industria e Turismo do Congreso unha iniciativa que ten por obxectivo impulsar un Plan Industrial para Navantia Ría de Ferrol que “garanta emprego, carga de traballo e futuro para a comarca”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca a aprobación de puntos como a recuperación da actividade de construción naval civil e a incorporación da Xunta de Galiza no Consello de Administración.

“Navantia ten un papel fundamental para a comarca de Ferrol funcionando como unha empresa tractora da economía. A día de hoxe é unha empresa con moitísima potencialidade mais dependen das decisións políticas que se adopten para que poidan ser aproveitadas” afirma Rego durante a defensa da iniciativa do BNG.

Ante os preocupantes anuncios da dirección da empresa -ante a caída de traballos sobre a eólica mariña ou a reorganización de Navantia Seanergies- o deputado nacionalista defende a iniciativa na Comisión de Industria e Turismo do Congreso. Así mesmo, Rego critica a falta de diálogo que mantén a empresa coa representación sindical dos traballadores e traballadoras.

“O BNG insiste no impulso que debe darse a Navantia Ría de Ferrol para aproveitar todas as súas potencialidades e capacidades con medidas de sentido común” afirma Néstor Rego. De entre as medidas recollidas na iniciativa do BNG apróbase “recuperar a actividade de construción naval civil, histórica en Ferrol e que foi abandonada por mor dun veto do Goberno español onde participaron tanto PP como PSOE”.

O deputado nacionalista incide en que “é chave sacar Navantia do nicho da construción naval militar porque é un nicho cautivo e hai que abrir as instalacións en Ferrol á construción naval civil”.

Así mesmo, tamén se aproba favorecer a entrada da Xunta da Galiza no Consello de Administración de Navantia e descentralizar a política de compras e subcontratación favorecendo ao tecido empresarial próximo  de referencia para Navantia.

Por outra parte, o BNG consegue que o Congreso inste o Goberno a adxudicar ao Centro de Navantia Ría de Ferrol as construcións de buques de mediano e grande porte, así como introducila nos segmentos con maior carga tecnolóxica das actividades relacionadas coas enerxías renovábeis e a descarbonización da mobilidade marítima, nomeadamente a fábrica de turbinas.

“Dotar de novas infraestruturas, como un dique para nova construción e outro para reparacións de maiores dimensións, e aumentar a capacidade dos sistemas de elevación ou a renovación da Kollman de Turbinas” tamén foi aprobado pola Comisión do Congreso a petición do BNG.

Malia isto, tanto PP como PSOE votaron en contra de que se apliquen as medidas sociais pactadas para o persoal de Navantia ao persoal da industria auxiliar, sobre todo as relativas á xubilación e á formación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG