BNG rexeita na Fegamp unha proposta da Xunta para financiar o SAF que nin se achega a cubrir o prezo real do custe do servizo

Executiva da FEGAMP
Executiva da FEGAMP
Critica a PP e PSdeG por apoiar na Comisión Executiva unha oferta totalmente insuficiente e que mantén afogados os concellos   

O BNG rexeitou na Comisión Executiva da Fegamp a proposta trasladada polo Goberno do PP para o financiamento do Servizo de Atención no Fogar (SAF) por considerala totalmente insuficiente ao nin tan sequera achegarse a cubrir o prezo real do custe do servizo.

A oferta realizada pola Consellería de Servizos Sociais suporía pasar dos 12 euros/hora que reciben actualmente os concellos a só 16 este ano, 17 o próximo ano e a 18 euros en 2028, unha proposta moi afastada do custe do servizo, que se sitúa xa hoxe en día nos 24 euros/hora -prezo promedio das últimas licitacións- e que, ademais, é practicamente similar, con apenas un lixeiro incremento, á que o departamento autonómico xa realizara anteriormente para o mesmo período 2026-2028.

O vicepresidente segundo da Fegamp e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, explicou que o BNG xa ten manifestado que “todo o que non sexa achegarse ao prezo real do custe da prestación do servizo” non o avalaría, xa que “sería recoñecer que os concellos temos que sufragar parte do custo dun recurso que a lei di que teñen que pagar entre o Estado e as comunidades autónomas”.

Neste sentido, recordou que, pese a que o financiamento do SAF corresponde a Xunta e Goberno central, a realidade é que, actualmente, os municipios veñen asumindo arredor do 50% dos custes do servizo, o que está afogando aos concellos e prexudicando ás persoas dependentes, que teñen dereito a vivir nas súas casas cos apoios que precisan.

Por iso, o BNG mantivo na Comisión Executiva da Fegamp celebrada hoxe a súa posición, que pasa por que a Xunta aboe aos municipios 17 euros/hora con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, 20 euros/hora neste 2026 e asuma o 100% dos custes ao final dos mandatos municipais en 2027.

“Que Xunta e Estado cubran o 100% dos custes até que asuman o servizo como un instrumento de benestar social, a través da creación dun Sergas dos servizos sociais”, afondou García, en alusión á proposta do Bloque para crear un organismo similar ao Servizo Galego de Saúde que permita atender de xeito integral e eficiente ás persoas dependentes.

A organización nacionalista criticou o apoio tanto de PP como de PSdeG na Executiva da Fegamp á proposta do Executivo de Alfonso Rueda baixo o pretexto de que, de non aceptala, continuaríase cos actuais 12 euros/hora de financiamento. 

“Isto non é serio, a Xunta pode subir o prezo hora unilateralmente cando queira, co aval ou non da Fegamp”, advertiu, para concluír a continuación que “esta desculpa é unicamente unha chantaxe aos concellos para que lles deamos un cheque en branco e para desbaratar calquera discurso político que cuestione a política da Xunta a respecto do financiamento do SAF”.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG