Parlamento Europeo

BNG rexeita o acordo arancelario “servilista” entre a Unión Europea e os USA

Ana Miranda: “No Bloque rexeitamos radicalmente este acordo humillante que agrava o servilismo da UE fronte os EEUU”

Diante do acordo arancelario acadado entre a presidenta da Comisión Europea e o presidente dos Estados Unidos, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda subliña que este acordo entre Von der Leyen e Trump “non é máis que unha submisión por parte da Unión Europea ás políticas dos Estados Unidos, tanto as políticas belicistas como tamén as políticas económicas”.

Segundo subliña a eurodeputada galega, con este acordo, a Unión Europea está actuando “como servos, e no BNG rexeitamos ese tipo de servilismo”. Considera que este é un “acordo humillante para Europa que prexudica gravemente as maiorías sociais e agrava a dependencia e o servilismo da UE fronte os EEUU”.

Ana Miranda denuncia ademais que o acordo “está fomentando políticas de apoio a enerxías fósiles das industrias extractivas e, por suposto, a industria armamentística e bélica”. E, por outro lado, critica que non se estea protexendo “os nosos sectores produtivos”, tendo en conta que a Unión Europea ten competencia exclusiva en política comercial. “Estase vendendo totalmente o sistema bancario estadounidense, económico e armamentístico”, sinala.

“Rexeitamos esta nova cesión de competencias e consideramos que ten que haber unha revisión para que se tome en conta a situación dos pobos europeos que van a ser os máis afectados por este tipo de decisións de servilismo económico e de servilismo armamentístico”, destaca.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG