BNG recrimina á Xunta que renuncie a rescatar as empresas industriais galegas en crise mentres lle pide á SEPI que o faga

Mon Fernández
Mon Fernández

“Por que o Goberno galego pode participar no capital de Reganosa, pero non pode entrar no de Alu Ibérica ou Barreras?”, cuestiona Mon Fernández

Reprocha ao PP que vete a proposta do Bloque para reindustrializar o País e se instale na inacción para agochar o seu plan dunha Galiza “self-service”

“A pregunta que ten que responder o Goberno de Feixóo e o PP é por que a Xunta renuncia a rescatar as empresas galegas en crise, pero presenta mocións para que sexa a SEPI quen as rescate”. Con esta contundencia respondeu o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, ao veto do PP no Parlamento galego a unha iniciativa do BNG con 20 propostas concretas para impulsar a reindustrialización do País, logo da destrución de 12.000 empregos no sector dende que Núñez Feixóo chegou ao goberno.

Fernández afeou ao PP que non dera “ningún argumento” que xustificase a súa negativa á moción nacionalista e a rescatar as empresas galegas en crise. “Por que a Xunta pode participar cun 25% no capital de Reganosa e non pode entrar no capital de Alu Ibérica ou de Barreras? Será que é máis estratéxica que outras? Cal é o baremo para medir isto?”, cuestionou con severidade para engadir a continuación que “non necesitamos entrar nesta discusión porque a Xunta participa doutras empresas que non son estratéxicas, como é o caso de Biomasa Forestal, unha empresa das Pontes que fabrica pellets e está participada por Xesgalicia e o Inega.

O portavoz de Industria do Bloque subliñou que, no caso de que a SEPI non atenda as demandas do Goberno galego e este non asuma un papel activo no rescate das empresas, “cando menos debería presentar un plan industrial e comprometer recursos propios na medida das súas posibilidades”. Presentarse nas mesas que sempre se constitúen nos casos de crises industriais “e dicir: temos este proxecto, estes socios e nós estamos dispostos a poñer tanto” sería, ao seu xuízo, “moito máis construtivo que acusar de inacción aos demais sen facer absolutamente nada”.

Logo de recalcar que precisamente o problema do Executivo Feixóo é que non pode poñerse de modelo de nada e, polo tanto, as súas críticas carecen de credibilidade, Fernández reprobou os intentos do PP de promover “a estridencia e a mentira” nos debates políticos para agochar que o seu gabinete “escapa das auténticas responsabilidades de goberno para ocultar que o seu proxecto é o dun País sen competencias, reducido e simplificado; un auténtico self-service”.   

“Se hai algo claro que tanto as empresas como o persoal que traballa nelas poden ter moi claro é que se algún día se visen afectadas por unha crise non poderán contar coa Xunta nin co presidente Feixóo para superala baixo o pretexto, ridículo, estrafalario e tramposo de que a Xunta non está por nacionalizar empresas”, sentenciou.

Fronte a esta política da inacción, o deputado nacionalista recalcou que o BNG entende que a Xunta debe participar activamente no rescate do emprego industrial, de todo o tecido de pequenas e medianas empresas, de autónomos e autónomas e de todo o emprego inducido que alimentan as grandes empresas industriais galegas. “Nós non deixariamos caer estas grandes empresas sen facer nada”, advertiu, logo de afondar nas 20 propostas presentadas polo Bloque para reactivar e reindustrializar o País, “como líderes da oposición e da proposición”.

Así pois, entre as medidas propostas, defendeu a necesidade de que o Executivo galego se comprometa activamente no rescate de empresas como Alcoa, Alu Ibérica ou Barreras e esixirlle a Xeal que cumpra co estipulado nas concesións das centrais hidroeléctricas do Xallas sobre o mantemento do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría. De igual xeito, propuxo plans específicos para as comarcas da Mariña e Ferrolterra, especialmente castigadas pola crise, así como para sectores estratéxicos como o do naval, a automoción, o da madeira, o enerxético ou o siderúrxico, propostas atravesadas todas elas por outras de carácter estrutural como o incremento do investimento en I+D+i ata o 2,5% do PIB.

“En definitiva, esixímoslles compromiso para salvar a actividade dos sectores e as empresas en crise; iniciativa para liderar o cambio de modelo en sectores importantes para Galiza e ambición, para poñer este País á altura dos mellores”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG