A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o eurodeputado do PSdeG-PSOE, Nicolás González Casares, denunciaron un novo exemplo de “censura e manipulación informativa” por parte da TVG na súa cobertura da Directiva Retorna no pleno do Parlamento Europeo celebrada esta semana en Estrasburgo.
Explican que un equipo da TVG, convidado polo Servizo de Prensa do Parlamento Europeo, desprazouse a Estrasburgo para cubrir a sesión plenaria, na que, entre outros asuntos de importancia, votouse o regulamento de retorno que permite a deportación de persoas migrantes a terceiros países.
Na crónica relativa a esta importante decisión, a TVG limitouse a un relato xeralista segundo o cal esta normativa saiu adiante cunha “ampla maioría”, sen informar en ningún momento dos votos en contra doutra destacada maioría, a dos votos de formacións de esquerdas, entre eles BNG e PSdg, alén doutras formacións do Grupo Demócratas e ALE Os Verdes.
O respaldo a este Regulamento deshumano e vergoñento procedeu dos votos da dereita e estrema dereita, entre eles o PP e Vox, os correlixionarios de Feixoó e Abascal, algo que TVG tratou de ocultar.
Ademais da crónica, a TVG acordou grabar unha entrevista coa eurodeputada do BNG, o eurodeputado do PSdg e o propio do PP. Denuncian que dunha grabación de 10 minutos a cada parlamentar, só emitiron 30 segundos, obviando específicamente as opinións emitidas por Ana Miranda e Nicolás Martínez sobre os posicionamentos expresados en relación ao regulamento de retorno.
“É outro capítulo da constante censura e manipulación da TVG de Rueda, Tele PP, para tratar de silenciar aos representantes da oposición, sobre todo, cando se producen debates polémicos nos que a posición do PP é vergoñenta”.
Consideran que chove sobre mollado dado que se trata dun exemplo máis da manipulación sistémica do ente público por parte do PP, quen aprobou unha lei de medios públicos galegos que vulnera o pluralismo e a liberdade informativa consagrados na Lei Europea de Liberdade de Medios, feito que denunciaron e seguirán a denunciar ambas as dúas forzas políticas ante as autoridades comunitarias.