BNG reclama á Xunta que abandone o seu obstrucionismo á Lei de Eutanasia e garanta a súa implantación en Galiza

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado pide explicitar a opción da eutanasia no documento de instrucións previas e garantir resposta ás persoas que a soliciten en 2 días  

BNG criticou no Parlamento galego a “resistencia pasiva e o obstrucionismo” que vén practicando a Xunta na aplicación da Lei de Eutanasia e esixiu ao Goberno galego que cumpra a súa obriga e tome todas as accións precisas para “garantir a implantación e desenvolvemento do dereito á prestación de eutanasia dos galegos e as galegas”.

Así o manifestou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, nunha pregunta parlamentaria, na que acusou ao Executivo do PP de “non estar facendo ningún esforzo para garantir a aplicación da lei”, facéndose así eco da petición trasladada ao BNG pola Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galiza (DMDG), que alerta sobre os déficits na aplicación do marco lexislativo vixente para garantir o dereito a unha morte digna.

Logo de apuntar á actitude pasivamente obstrucionista da Xunta, Prado advertiu que a Lei galega de Morte Digna resulta insuficiente e non se está a cumprir nunha parte importante e, neste sentido, sinalou a cuestións tan importantes como a dilación dos prazos da prestación da axuda para morrer dignamente, a insuficiencia de persoal para facilitar o exercicio deste dereito, a falta de formación entre as e os profesionais, ou mesmo ao documento de instrucións previas, “que induce á confusión e ao medo, coa inclusión de tres opcións cando só cabe unha”, referiu das propias denuncias realizadas pola DMDG.

Exemplificando sobre o caso dunha persoa da Coruña que, segundo subliñou, “non é un caso illado nin casual”, a deputada nacionalista reprobou ao Goberno galego que o seu obstrucionismo estea causando un gran sufrimento a persoas que se atopan nunha situación de grave vulnerabilidade e ás que se somete a esperas, incertidume e esixencias burocráticas inaceptables nun estado de máxima fraxilidade.

Así pois, reclamou á Xunta que abandone esta actitude, froito dunha posición ideolóxica, e cumpra as súas obrigas como Administración e, neste sentido, urxiuna a garantir que calquera persoa que solicite a aplicación de eutanasia teña resposta no prazo máximo de dous días, co nomeamento da ou do profesional responsable que inicie o proceso, acorde a dereito. Así mesmo, reclamou a modificación do documento de instrucións previas, de xeito que conste explicitamente a elección da eutanasia, no caso de atoparse nun dos supostos aprobados.

Por último, demandou da Consellería de Sanidade a formación en dereitos das persoas doentes, en particular neste novo dereito á eutanasia e nas prestacións contempladas na nova lei, así como facilitar a difusión e o coñecemento deste dereito tanto entre as e os profesionais como entre a cidadanía. “Que exista unha lexislación para a aplicación da eutanasia non significa a obrigación de optar por ela, senón ter a oportunidade de elixir sen que ninguén impoña a obriga de vivir unha vida que non se quere ou non se soporta”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG