A deputada do BNG Noa Presas emprazou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aceptar “a man tendida” da líder da oposición, Ana Pontón, para “falar en serio” e “ao máximo nivel” sobre o futuro do galego. “Cando o PP deixe a un lado a propaganda e queira de verdade protexer o galego e falar en serio terá toda a disposición da nosa portavoz nacional e do conxunto do Bloque”, aclarou.
“Apelamos ao Partido Popular a que dialogue”, subliñou Presas, lembrando que Ana Pontón xa lle remitiu ao presidente da xunta unha carta solicitándolle manter un encontro urxente coa vontade de darlle a coñecer a proposta do BNG para avanzar cara un pacto real a favor do galego.
É por iso que Presas lamentou que o presidente da Xunta se manteña “ausente” no debate sobre o futuro da lingua propia de Galiza. “Nin sequera estivo na súa rolda de prensa propagandística”, dixo en referencia ao acto de presentación da proposta para actualizar o Plan de Normalización Lingüística. “Debe seguir moi cómodo detrás da pancarta contra o galego”, engadiu.
Criticou, neste punto, que a proposta presentada polo Goberno do PP é un “catálogo de rebaixas” que “non toca nada do decreto da vergoña no ensino e rebaixa a protección da lingua que na teoría estaba no PXNL de 2004”.
Afondando nesta cuestión, destacou que o “decreto antigalego” que regula o uso do idioma nas aulas “deixou á xeración que menos fala galego que que menos capacidade declara ter de falar galego”, tal e como amosan o datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística, que reflicte que un de cada tres menores de 15 anos recoñecen non saber falar o idioma propio de Galiza.
Respecto da protección da lingua, lembrou que o plan pactado por unanimidade no 2004 fixa un 50 % como mínimo de ensino en galego mentres que o documento presentado polo PP elimina esta protección, unha das cuestións polas que o BNG mantén que a proposta do PP supón un paso atrás para a nosa lingua.