BNG denuncia que a situación da sanidade vai a peor este verán: “Menos persoal ca nunca para atender a máis xente”

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado advirte que o “antiplan” de Sanidade para estes meses fai que os e as galegas non teñan garantida a asistencia ordinaria nin urxente

Critica que as únicas medidas do PP son cargar máis ao persoal, recorrer a MIR sen especialidade, pechar 800 camas e deixar servizos baixo mínimos 

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, denunciou que a situación da sanidade galega “vai a peor” durante este verán, con “menos persoal ca nunca para atender a máis poboación” e  servizos “baixo mínimos” que fan que as galegas e os galegos “non teñan garantida a atención ordinaria nin a urxente”. “A poboación desatendida e os profesionais exhaustos porque teñen que facer xornadas maratonianas”, sintetizou.

“As nosa vilas e cidades énchense de visitantes nestes meses de verán e a sanidade pública entra en modo saturación, con PAC con quendas sen cubrir, centros de saúde que pechan polas tardes, consultorios que non abren, listas de espera na Atención Primaria que nos que non hai citas en todo o mes de agosto ou demoras de un mes para facer unha simple analítica”, denunciou a deputada nacionalista. 

Prado acusou ao Goberno do PP de “non facer nada” diante desta situación e afrontar o verán con “parches” e un “anti-plan”  que, nos hospitais, consiste en pechar 800 camas, e manter baixo mínimos quirófanos, consultas e servizos de probas diagnósticas malia que só nas “listas oficiais” de espera hai más de 380.000 persoas (dato de decembro de 2025). 

Un “anti-plan”  que inclúe ademais unha bolsa de voluntarios para cubrir gardas nos PAC, de xeito que “o persoal que xa ten as súas quendas ten que facer o traballo dos que non están”; e unha oferta de mobilidade temporal a centros de saúde con máis necesidades, provocando que outros queden descubertos.

Prado criticou así mesmo que Sanidade recorra a MIR sen os catro anos de especialidade, o que está facendo que “salten as alarmas” nalgúns casos porque sen as especialización necesaria descoñecen os protocolos de Atención Primaria para actuar, por exemplo, ante un ictus ou un problema cardíaco, exemplificou. “Que pasaría se nos mandasen un cardiólogo ser a especialidade de cardioloxía?”, preguntou. 

“Non responsabilizamos a estes profesionais, responsabilizamos por estar contratando a estes profesionais”, aclarou a deputada, advertindo ademais de que as condicións nas que traballan está facendo que saian “despavoridos” dos centros de saúde. Mostra disto, engadiu, é que na área sanitaria de Vigo este ano remataron 23 MIR a súa formación e śo 6 (o 26 %) aceptaron un contrato nun centro de saúde.  

A portavoz nacionalista de Sanidade reclamou unha rectificación ao PP que, denunciou, buscar “facer normais” este tipo de contratacións, un “parche máis” diante da falta de planificación e do deterioro da sanidade pública como consecuencia de 17 anos de políticas que buscan, advertiu, favorecer o negocio da privada, deixando desatendidas ás galegos e os galegos e abandonando á xente en situación máis vulnerable. 

Montse Prado acusou o PP de non recoñecer a realidade na sanidade pública e de escudarse no “mantra” de non hai médicos e de que a culpa é do Goberno do Estado, cando a realidade é que, advertiu, é a Xunta ten competencias que exercer e tampouco fai contratacións de outros profesionais da sanidade, como enfermeiras, auxiliares de enfermería, fisioterapeutas ou profesionais da psicoloxía. 

Tras lembrar que Galiza é a terceira das CCAA que menos inviste en Atención Primaria e que está por debaixo da media do Estado tanto en profesionais de medicina de familia (490 por cada 100.000 habitantes fronte a 520) como de enfermería (533 fronte a 639 por cada 100.000 habitantes), Prado exemplificou a gravidade do que está a suceden na sanidade galego con casos concretos, como que só haxa un pediatra para os concellos de Boiro e Rianxo ou que falta de reforzos en zonas de especial afluencia de visitantes no verán.

Na área sanitaria de Vigo, explicou, tanto só houbo un “reforzo mínimo” en Cangas e Val Miñor, e en toda a área de Pontevedra e O Salnés, o reforzo só chegou a Sanxenxo. Nesta zona, ademais, un ano máis a Consellería de Sanidade decidiu trasladar a Sanxenxo a ambulancia medicalizada que ten a súa base no Hospital do Salnés, deixando sen a atención necesaria a milleiros de persoas.

“Na primeira semana xa se rexistraron casos gravísimos, como un infarto en Vilanova no que a ambulancia tardou máis de 30 minutos ou o accidente dun neno na Escola Infantil de Carril que quedou prezo polo pescozo e chegou á UCI do CHUS cunha demora dunha hora sobre o que tardaría se a ambulancia estivese en Vilagarcía”, denunciou. 

Propostas do BNG

Entre as propostas do BNG para mellorar a atención sanitaria, tamén no verán, figura presentar de inmediato un informe cunha radiografía fidedigna da situación do persoal do Sergas para planificar o número de profesionais preciso conforme ás necesidades reias. Presentar un plan de recursos humanos, rematar coa política de precariedade nas condicións laborais do Sergas ou pór en marcha un plan de retorno, captación e fidelización de profesionais son tamén medidas na alternativa do BNG. 

Tal e domo destacou Montse Prado, a folla de ruta nacionalista pasa así mesmo por garantir que a formación universitaria dea á Atención Primaria a relevancia que este nivel asistencial representa na atención á poboación e incorporar categorías profesionais novas en número suficiente para formar auténticos equipos multidisciplinares (psicoloxía clínica, terapia ocupacional, logopedia, traballo social, podoloxía ou óptica-optometrista). 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG