O Bloque Nacionalista Galego desenvolve en Palas de Rei un acto político enmarcado na campaña previa ao Día da Patria Galega, en que puxo en valor a forza do nacionalismo galego como ferramenta para defender o territorio, os recursos naturais e os intereses da maioría social. No encontro participaron o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a militante de Galiza Nova, Brenda Mondelo.
Durante a súa intervención, Néstor Rego salienta que un dos mellores exemplos da utilidade do nacionalismo foi a resposta social e política frente ao proxecto de Altri. "Se hoxe Altri non ten vía libre para instalarse no corazón da Galiza é grazas á mobilización exemplar dos galegos e galegas e ao compromiso do BNG, que estivo desde o primeiro momento ao lado da veciñanza, dos colectivos sociais e das plataformas que defenderon o territorio" afirma.
O deputado nacionalista destaca que o BNG foi a única forza política que mantivo unha oposición firme ao proxecto "nas rúas e en todas as institucións", levando as reivindicacións da sociedade galega ao Parlamento de Galiza, ás Cortes do Estado e ás institucións europeas. "Demostramos, máis unha vez, que cando o nacionalismo é forte, a Galiza tamén é máis forte para defender os seus intereses" sinala.
Rego advirte que a ameaza sobre o territorio e os recursos naturais "non desapareceu" e asegura que o BNG continuará vixiando e actuando para impedir que prosperen proxectos de espolio do País que poidan pór en risco o medio ambiente, a actividade económica no sector primario ou a calidade de vida da veciñanza. "O desenvolvemento económico da Galiza debe asentarse sobre actividades sustentábeis, xeradoras de emprego de calidade e compatibles coa protección do noso patrimonio natural" defende.
Neste contexto, o deputado chama á participación masiva na manifestación nacional do vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela. "O Día da Patria é tamén unha oportunidade para demostrar que existe un pobo disposto a defender a súa terra, os seus recursos e o seu dereito a decidir. Canto máis forte sexa a mobilización, máis forza terá Galiza para facer valer a súa voz" asevera.
Así mesmo, Rego insiste en que o BNG é "a única forza política que sitúa sempre os intereses da Galiza por diante de calquera outro" e defende a necesidade de seguir fortalecendo o nacionalismo para avanzar para un país "con máis capacidade de decisión, máis xustiza social e un modelo de desenvolvemento pensado desde e para a Galiza".
Pola súa banda, Brenda Mondelo pon o acento no papel que tivo a mocidade nas mobilizacións contra Altri e chama a xente nova a continuar implicándose na defensa do País. "A resposta social demostrou que cando a cidadanía se organiza é capaz de mudar o rumbo das cousas. A mocidade ten un papel fundamental na construción dunha Galiza con futuro, que protexa o seu territorio e ofreza oportunidades para vivir e traballar aquí" afirma a militante de Galiza Nova.