BNG urxe o Goberno a denegar a extradición de Fergie Chambers

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama a posta en liberdade do activista en favor da Palestina de maneira inmediata e advirte que o Estado español non pode ser cómplice da persecución política

O deputado BNG exixe ao Goberno do Estado impedir a criminalización da solidariedade con Palestina e de quen denuncia o xenocidio en Gaza

O Bloque Nacionalista reclama ao Goberno do Estado denegar a solicitude de extradición formulada polos Estados Unidos contra James Cox "Fergie" Chambers Jr., activista internacional coñecido polo seu compromiso coa causa palestina e polo apoio a proxectos humanitarios e sociais destinados á poboación de Gaza.

Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a detención de Chambers en Eivissa responde a unha "operación de persecución política encuberta baixo acusacións de carácter común co obxectivo de criminalizar a solidariedade internacional co pobo palestino".

O Bloque lembra que o procedemento de extradición pasiva no Estado español non é automático e que tanto a Lei 4/1985 como o Tratado de Extradición entre o Estado español e os Estados Unidos contemplan expresamente a posibilidade de denegar a entrega cando existan indicios de que a solicitude responde a motivos políticos ou pretende perseguir unha persoa polas súas opinións ou actividade política.

Neste sentido, Rego subliña que "o Goberno do Estado debe exercer as súas competencias e denegar esta extradición, porque existen evidentes indicios de que estamos ante unha persecución política vinculada ao activismo de Fergie Chambers en defensa do pobo palestino e ao seu apoio a iniciativas humanitarias en Gaza".

O deputado nacionalista reclama tamén que o executivo "ordene a súa posta en liberdade inmediata e adopte todas as medidas necesarias para impedir que o Estado español participe nun proceso que pretende converter a solidariedade con Palestina nun delito".

Para Néstor Rego, as actividades atribuídas a Chambers —o apoio a proxectos humanitarios, a colaboración con medios de comunicación, o financiamento de iniciativas sociais ou o activismo internacionalista— forman parte do exercicio lexítimo dos dereitos fundamentais e non poden ser equiparadas, sen probas individualizadas e concretas, a actividades de financiamento do terrorismo.

"O apoio ao pobo palestino, a denuncia do xenocidio en Gaza ou a defensa do dereito internacional non son delitos. Son expresións lexítimas da solidariedade internacional e do compromiso cos dereitos humanos" afirma Rego.

"Nin política nin xuridicamente sería coherente que o mesmo Goberno que recoñece Palestina, apoia a actuación da xustiza internacional e adopta medidas frente ao xenocidio en Gaza acabe executando submisamente unha extradición que contribúe a perseguir a quen leva anos apoiando a causa palestina" sinala o deputado do BNG.

"O Estado español non pode colaborar nunha estratexia destinada a intimidar e perseguir o movemento internacional de apoio ao pobo palestino. Defender os dereitos humanos e denunciar un xenocidio nunca pode ser motivo de persecución penal", conclúe Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG