Ana Miranda tomou parte na entrega de paneis solares, material fotovoltaico e medicamentos que a misión 'Rumbo a Cuba' realizou este luns 20 de xullo á Unidade de Coidados do Hospital Pediátrico Juan Manuel Márquez na capital cubana. A eurodeputada do BNG coñeceu in situ os problemas por mor dos cortes de luz das diferentes unidades do centro, como as de oncoloxía ou traumatoloxía, para tratar ás nenas e nenos hospitalizados.
A mostra de solidariedade internacionalista foi benvida nos peiraos de La Habana polo cantante Silvio Rodríguez e autoridades políticas, trasladada na derradeira etapa da misión polo barco Astral da ONG Open Arms, a primeira embarcación civil en cruzar o Océano Atlántico co obxectivo de quebrar o bloqueo estadounidense.
“A entrega do material fotovoltaico e dos medicamentos por parte desta misión solidaria, na que participamos xunto a 150 organizacións, tivo o obxectivo de que ningún neno ou nena quede sen oxíxeno, evitar que estean en perigo en atención oncolóxica ou de traumas, que ningunha operación quede sen asistencia. Procuramos acadar a independencia enerxética do hospital, porque o bloqueo estadounidense ten un impacto concreto na vida das persoas”, explicou a eurodeputada do BNG.
A entrega das sete toneladas de material, principalmente medicamentos, paneis solares, equipos fotovoltaicos e compoñentes eléctricos para o Hospital Pediátrico Juan Manuel Márquez, ademais de material escolar e didáctico con destino ao centro da infancia La Timba en La Manigua, foi a última etapa da misión solidaria 'Rumbo a Cuba', que partiu dende o porto de Barcelona a mediados de maio e navegou até a illa con paradas en Sagunto, as Palmas de Gran Canaria ou México.
“É importante a solidariedade internacionalista ante a dor humana que provoca un bloqueo criminal e inhumano, que está a matar a nenas e nenos por culpa dos sucesivos cortes de enerxía”, denuncia Ana Miranda. Verbas compartidas polo fundador de Open Arms, Óscar Camps, quen defendeu a misión 'Rumbo a Cuba' xa que “todo o que poidamos facer para salvar unha vida humana está máis que xustificado”.
O BNG defende “as causas xustas da humanidade”
Unha das etapas desta misión solidaria foi recepción realizada na institución cultural da Casa das Américas de La Habana, onde se destacou a solidariedade internacionalista que segue realizando a illa malia ao agravamento do embargo, xa que hoxe en día está a recibir a estudantes de Palestina.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vicepresidenta da Asamblea paritaria Euro Latinoamericana/Eurolat e membro da Comisión de Desenvolvemento do Parlamento Europeo, destacou na Casa das Américas que “fun elixida polo meu pobo non só para representar os intereses do meu país, Galiza, senón tamén na defensa das causas xustas da humanidade, como as misións do Open Arms, ao pobo saharauí ou ao pobo palestino contra o xenocidio israelí”.
Ana Miranda subliñou “a obriga moral que como galega temos con Cuba, que acolleu a máis de medio millón de habitantes do meu país facéndoo en igualdade”. No marco desta misión solidaria, a representante do Bloque mantivo un encontro no Centro Galego de La Habana coa actual presidenta da Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios e Parroquias de Galiza en Cuba, Juana Caridade Fernández Pérez, e puido coñecer “a difícil situación” que vive a comunidade galega, ademais dunha reunión con membros do empresariado galego na illa onde se tratou sobre os efectos do bloqueo nas súas actividades.