BNG exixe a comparecencia urxente de Rueda para fixar a posición de Galiza na negociación do modelo de financiamento

Noa Presas
Noa Presas

Presas critica que o titular da Xunta permaneza desaparecido no debate máis importante en 18 anos e que vai condicionar o futuro do País

“Temos un Goberno do PP que cambiou a defensa dos intereses das e dos galegos pola obediencia ás directrices de Génova”, censura

O BNG rexistrou no Parlamento unha iniciativa para reclamar a comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co fin de fixar a posición de Galiza de cara ás negociacións abertas sobre o modelo de financiamento e para que aclare no Parlamento cal é a súa proposta e como vai defender os intereses do País.

Así o avanzou a portavoz parlamentaria de Facenda, Noa Presas, nunha rolda de prensa na que considerou “incomprensible” que o PP pretenda que a Cámara siga sen coñecer a proposta do Goberno galego diante da “decisiva” reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira que terá lugar o próximo día 29. 

“É o debate económico máis importante para as próximas décadas do noso País e hai que preguntarse que vai facer Galiza”, remarcou Presas, quen reprobou que “ninguén saiba” a estas alturas que vai defender un presidente da Xunta “ausente e incomparecente” en nome de Galiza.

A portavoz nacionalista de Facenda recordou que xa na anterior lexislatura o BNG impulsou unha comisión de estudo para fixar unha proposta galega en materia de financiamento, unha comisión que foi bloqueada polos populares, de igual xeito que xa bloquearan a comisión das Caixas, a de Sanidade ou, nesta lexislatura, a dos “Chanchullos do PP”, en alusión ás contratacións irregulares do seu Executivo.

De igual xeito, tamén lembrou o compromiso de Rueda na súa sesión de investidura de que Galiza “falaría con voz propia” en todos os temas importantes e moi especialmente no sistema de financiamento. “Chegou o momento de pasarlle a proba do algodón a esas palabras, porque de momento, non temos unha soa proposta enriba da mesa”, remarcou.

“Hai que preguntarse que vai facer o Partido Popular, se vai defender o que é mellor para Galiza ou vai defender o que lle indican os seus xefes desde Madrid”, interpelou para referirse á súa posición en materia de financiamento, pero tamén ante a votación mañá mércores no Congreso da transferencia da AP-9 e da Lei de Condonación da Débeda.

Unha débeda pública que, remarcou, o PP triplicou até superar os 12.000 millóns de euros que, sumando “chapuzas como a privatización do hospital Álvaro Cunqueiro”, elevan a factura da débeda e da hipoteca galega a máis de 14.000 millóns que “a deixan ata máis alá de 2040”.  

Neste contexto, Presas tachou de “inaceptable” que o PP se dedicase a mirar para outro lado habendo negociacións abertas tan importantes como a do financiamento, a do traspaso da autoestrada galega ou a da condonación da débeda. “De momento, Rueda demostrou máis ser presidente do Partido Popular que presidente dos galegos e das galegas”, reprobou.   

A deputada do BNG criticou ao Executivo do PP que se levantara das reunións e que despois renunciara a negociar bilateralmente co Estado sen aclarar “que quere exactamente”: “Que Galiza siga cun modelo malo ou que Galiza apande cun modelo que é peor”, afondou.

“Vemos un goberno que cambiou a defensa dos intereses de Galiza pola defensa dos intereses de Génova, vémolo coa quita da débeda, coa AP-9, co financiamento e con tantos outros asuntos”, incidiu, para advertir a continuación que esta actitude “pode saírlle moi cara” ao País. “Porque cando un non negocia por si mesmo, outros acaban negociando e decidindo por nós”, subliñou.

Presas reafirmou o rexeitamento do Bloque ante unha proposta do Executivo estatal en materia de financiamento que “non incorpora variables fundamentais como a dispersión ou o avellentamento”, que “non garante un financiamento suficiente para soster os servizos públicos” nin “compensa o déficit histórico” con Galiza e, ademais, “afonda nunha discrecionalidade” que non se pode permitir.

Por iso, reiterou a urxencia de que a Xunta “reaccione” e que defenda os intereses do País. “Se estamos de acordo en que esta proposta é mala, rememos xuntos na mesma dirección”, remarcou para pedir unha posición de País nunha cuestión fundamental para o futuro dos galegos e das galegas.

Neste sentido, recordou que a posición do BNG é moi clara e ambiciosa e pasa por que Galiza “teña un horizonte no que decida sobre a chave dos seus cartos” a través dunha facenda galega propia e que, mentres non se chega a ese punto, “hai moita marxe de negociación”, para a que considerou preciso “un goberno que estea do lado dos galegos e galegas”, dado que este, alegou, “non é un debate técnico, senón político”.

“O debate máis importante que tivo Galiza desde o ano 2009”, incidiu, logo de recordar que o actual sistema de financiamento vixente desde ese ano “é absolutamente inxusto”, que deixa un déficit de máis de 1.000 millóns de euros -segundo o propio Consello de Contas- que lastra os servizos públicos, e que é “insuficiente” para cubrir outras necesidades.

A portavoz de Facenda concluíu neste punto exixindo a comparecencia de Rueda para que explique no Parlamento “como vai defender os intereses de Galiza”. “Que explique se realmente vai exercer de Goberno da Xunta, de goberno dos galegos e das galegas, ou simplemente de comparsa de Génova”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG