O Bloque Nacionalista Galego exixe a retirada do proxecto de Real Decreto de desenvolvemento do réxime xurídico da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave (CUME), por considerar que implica un retroceso na protección das familias con menores que precisan coidados permanentes.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte que "lonxe de reforzar un dereito social fundamental, o Goberno pretende introducir novas trabas administrativas e restricións que dificultarán o acceso e a continuidade dunha prestación imprescindíbel para centenas de familias".
Segundo explica Rego, "o dereito á prestación debe seguir sustentándose exclusivamente na gravidade da enfermidade e na necesidade acreditada de coidados directos, continuos e permanentes, tal e como estabelece a Lei Xeral da Seguranza Social e vén reiterando a xurisprudencia. O proxecto incorpora requisitos e interpretacións que non figuran na lei e que só servirán para limitar dereitos".
O BNG considera especialmente grave que unha reforma desta relevancia se tramite sen unha participación efectiva das asociacións de familias afectadas e dos colectivos que coñecen de primeira man a realidade asistencial. "Non se pode lexislar de costas ás familias que viven diariamente esta situación, porque o resultado é un texto afastado da realidade e cheo de obstáculos burocráticos" denuncia o deputado nacionalista.
Entre as principais demandas do BNG presentadas ao Goberno do Estado figura o rexeitamento ás limitacións previstas para os coidados domiciliarios. A organización nacionalista alerta que conceptos ambiguos como a exixencia dunha "vixilancia clínica constante" ou de "terapias complexas" non responden á evolución da atención sanitaria, cada vez máis orientada ao domicilio, e poden deixar sen protección menores con enfermidades graves que requiren unha supervisión continua aínda que non precisen hospitalización.
“O proxecto incrementa inxustificadamente as cargas burocráticas para manter a prestación, ao limitar a acreditación médica aos especialistas hospitalarios e introducir novos informes periódicos da Inspección Médica, medidas que poderían provocar a suspensión da prestación por simples atrasos administrativos alleos á situación clínica do menor” explica Néstor Rego.
Por outra parte, o BNG tamén reclama garantir que as persoas traballadoras que previamente exerceron dereitos de conciliación ou de protección non vexan reducida a contía da prestación, evitando que unha redución de xornada anterior penalice economicamente ás familias. Do mesmo xeito, demanda eliminar as discriminacións existentes entre persoal laboral, funcionario e estatutario, garantindo unha protección homoxénea para todas as familias.
O deputado do BNG cuestiona que o proxecto contemple a extinción da prestación cando a persoa proxenitora realice prácticas formativas que impliquen alta na Seguranza Social. "A necesidade de coidar un menor gravemente enfermo non desaparece porque o pai ou a nai participe nun proceso de formación. Vincular ambas cuestións desvirtúa completamente a finalidade protectora desta prestación" afirma Rego.
Para o BNG, o conxunto da norma representa un endurecemento inxustificado das condicións de acceso e mantemento da prestación CUME, xerando inseguranza xurídica e abrindo a porta a interpretacións restritivas por parte das mutuas colaboradoras.