BNG reclama a Feixóo que abandone os mitins e presione ao Goberno central para conseguir as vacinas que necesita Galiza

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil pide ao presidente da Xunta que exerza a súa responsabilidade e ínstao a, ademais de laiarse, “facer algo” ante a quinta onda da pandemia

Propón intensificar os rastrexos e reforzar a Atención Primaria e fai un chamamento de prudencia á mocidade para poder frear o virus 

 

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, cualifica a comparecencia do presidente da Xunta sobre as medidas a adoptar ante a quinta onda da pandemia “máis un mitin ca unha rolda de prensa”, no que “vemos unha vez máis como Núñez Feixóo está buscando como botar balóns fóra e escusas para non ter que asumir a súa responsabilidade como presidente das galegas e dos galegos”.

“Laiarse de que Galiza non ten vacinas non é a forma de conseguir que o antídoto chegue”, asegura para engadir a continuación que “se a vacina é a mellor garantía para protexer ao conxunto da poboación, ademais de queixarse pola falta de doses, o lóxico sería facer algo para poder acceder a esas vacinas”. Neste sentido, Rodil insiste en volver pedir dende o BNG ao Goberno galego que “presione ao Estado español e á UE para conseguir máis doses, dentro das que existen hoxe no mercado”.

De igual xeito, insta á Xunta a intensificar os rastrexos e a reforzar a Atención Primaria, a que cualifica de grande prexudicada en toda a pandemia, pero sobre todo nesta quinta onda.  “A presión sobre os centros de saúde e especialmente sobre o persoal sanitario, que está exhausto, é brutal e hoxe é máis necesario ca nunca incrementar os recursos económicos e humanos para garantir que a base do sistema sanitario galego non continúe deteriorándose aínda máis do que xa está”, advirte.

A viceportavoz parlamentaria do BNG tamén fai un chamamento á mocidade para pedirlle “prudencia” porque a pandemia continúa e “é necesario que todas e todos cumpramos coas medidas sanitarias para frear o avance do virus”. “Dende o BNG queremos pedirvos un último esforzo e que sigades sendo igual de responsables que o fostes ata o de agora porque, aínda que sabemos que é difícil e estamos todas e todos moi cansos, protexéndonos todos e todas estamos garantindo a protección do conxunto da sociedade e mo especialmente das persoas vulnerables”, conclúe.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG