Parlamento Galego

BNG reclama a devolución ás arcas municipais dos 91 M€ que a Xunta non executou no 2023 do financiamento local previsto

Óscar Insua
Óscar Insua

Oscar Insua empraza o Executivo do PP a seguir as recomendacións de Contas e deixar atrás unha política municipal deseñada para “caciquear”  

O portavoz do BNG de Administración no Parlamento, Oscar Insua, defendeu na Comisión Institución unha proposición non de lei para reclamar á Xunta do PP, entre outras cuestións, que incorpore non Fondo Base de Cooperación Local dos orzamentos de 2025 os máis de 91 millóns de euros con destino aos concellos do exercicio do 2023 que non foron executados e, polo tanto, quedaron “no peto” da administración galega.

Trátase de algo máis de 91 millóns de euros que se corresponden, tal e como explicou Insua, a transferencias vinculadas a convenios e subvencións, o que supón que son cartos condicionados a proxectos concretos que “se lle birlaron” os concellos malia “o problema de financiación que teñen, sobre todo con servizos de competencias impropias,  como é o caso do Servicio de Axuda no Fogar Servizo (SAF)”. 

“Unha mostra máis do estilo Rueda: propaganda, propaganda e só propaganda”, asegurou o deputado do Bloque, lembrando neste punto que o Executivo reservou nos Orzamentos deste ano 10 millóns de euros máis para o SAF dos que nada saben nos concellos, aos que se lle segue pagando por este servizo 12 euros a hora.  

Insúa remitiuse o último informe do Consello de contas da Conta Xeral das Entidades Locais, segundo o cal dos 374,1 millóns de euros que a Xunta recolleu nos seus orzamentos de 2023 en partidas destinadas aos concellos de forma condicionada tan só se executaron 282,8, “polo que a Xunta aforrou 91,3 M€ que de ningunha forma se incorporaron nas contas dos concellos nese ano, nin nos seguintes”, apúntase na iniciativa do BNG.

A proposta nacionalista emprazaba á Xunta a atender as recomendacións feitas polo Consello de Contas sobre financiación local nun informe no que, subliñou Insua, advírtese que hai 23 concellos (A Cañiza, A Gudiña, Arbo, Baralla, Calvos de Randín, Cambados, Carballedo, Catoira, Cospeito, Crecente, Fene, Larouco, Lugo, Maceda, Meis, Melón, Mondariz, Pol, Ponte Caldelas, Porqueira, Riós, Salceda de Caselas, Taboada) e dúas entidades locais menores (Queimadelos e Vilasobroso) que se atopan nunha situación financeira comprometida.

Malia ser  unha das recomendacións do órgano fiscalizador, o PP votou en contra de modificar os réximes de convocatoria e transferencia de fondos aos concellos para axilizar a entrada de financiamento anual, en particular o financiamento que na actualidade se está a conceder a través de axudas e convenios, integrando ditos importes nos libramentos a cargo do Fondo Base de Cooperación Local.

Insúa lamentou así mesmo o rexeitamento do PP a outras das suxestións feitas por Contas, que aposta por que a Xunta asuma un papel “proactivo e de impulso”, se prexuízo  da garantía do principio de autonomía local, no seguimento da situación na que se atopan as mancomunidades con dificultades para o desenvolvemento das súas finalidades estatutarias.

O portavoz do BNG de Administración Local considerou o voto en contra dos deputados populares un sinal máis de cal é a súa política municipalista, deseñada —dixo— para “favorecer os concellos gobernados polo PP”, de aí que o 75 % do financiamento local sexa condicionado e repartidos a través de axudas e convenios. “A súa política municipal é un desastre e é discrecional, ao máis puro estilo Rueda”, criticou Insua, quen acusou os populares de non querer “concellos do século XXI” senón “concellos para poder caciquear”.      

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG