BNG reclama unha auditoría externa sobre os contratos de Sanidade tramitados pola vía de emerxencia durante a pandemia

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado advirte que o portal de contratación da Xunta non recolle unha soa contratación dos 96M€ adxudicados de marzo a decembro de 2020

Alerta sobre a adxudicación a unha empresa vinculada coa familia Díaz Ayuso, cun “modus operandi similar” ao utilizado na Comunidade de Madrid

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reclamou no Parlamento galego unha auditoría externa sobre a totalidade dos contratos tramitados pola vía de emerxencia pola Consellería de Sanidade desde o inicio da pandemia ata a actualidade e, en concreto, sobre os contratos negociados sen publicidade e realizados pola vía de urxencia coa empresa Prhoinsa, Proyectos hospitalarios Internacional, vinculada con Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid.

Prado recordou que a Xunta adxudicou en abril de 2020, en plena pandemia, mediante un procedemento negociado sen publicidade, un contrato de 298.265 euros a Prhoinsa, da que é administrador único Juan Carlos Herrero Casasola, cofundador de Sismedica SL, mercantil da que Díaz Ayuso manifesta ter o 50% na súa última declaración de bens patrimoniais na Asemblea de Madrid e da que o seu irmán é administrador único.

“Esta circunstancia fai saltar as alarmas pola similitude do modus operandi co acontecido en Madrid”, advertiu en alusión aos casos dos contratos adxudicados pola Administración madrileña, tamén sen publicidade e pola vía de urxencia, a empresas vinculadas a Ayuso e polos que o seu irmán tería cobrado unha comisión.

Logo de apuntar tamén ao recente “escándalo” dos contratos de emerxencia no concello de Madrid, a deputada nacionalista incidiu en que “saltan as alarmas porque o PP na Xunta adxudicou pola mesma vía de emerxencia desde o 14 de marzo ao 31 de decembro de 2020, como mínimo, 96 millóns de euros”, segundo o Informe Especial de supervisión dos contratos tramitados por vía de emerxencia correspondente a ese período elaborado pola Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación, adscrita ao Ministerio de Facenda.

“96 millóns adxudicados a dedo, sen informes que xustifiquen e argumenten a decisión, sen publicación, sen ningunha garantía nin fiscalización”, explicou a portavoz quen reprobou que o portal oficial de contratación da Xunta non teña publicado a día de hoxe nin un só destes contratos de emerxencia. “A excepcional situación da pandemia fixo posible que os contratos de emerxencia puideran facerse incluso verbalmente e pagando por adiantado? Si. E iso xustifica que logo non se fagan as cousas? Non”, reprobou, para recalcar a continuación que no caso dos contratos sen publicidade só figuran no devandito portal “o nome da empresa e a contía” con resolucións en branco nas que non figuran absolutamente nada, nin xustificación do contrato, nin informes económicos, nin ningún dato que argumente e documente esa contratación cunha empresa e non con outra.

Para a deputada nacionalista, “se non chovera sobre mollado, igual non había de que preocuparse, mais é unha práctica constate do PP”, recordando que o propio Consello de Contas confirma no seu informe de fiscalización que “o 60% dos contratos evitan a concorrencia competitiva” e que é o mesmo PP quen “se nega a que o Consello analice os contratos do Goberno galego coa empresa Eulen, da que é delegada para o norte do Estado a irmá do aínda presidente da Xunta, que se dispararon tras a chegada de Núñez Feixóo á presidencia: 37 millóns desde 2009”.

Logo de apuntar que “en 13 anos do Goberno do PP e de Feixóo na Xunta, deixan a sanidade pública na UCI, mais a familia e as empresas amigas con moi boa saúde económica”, Prado emprazou ao Partido Popular a recoñecer que hai unha “alarma social” porque houbo quen “fixo negocio do drama e a traxedia” e a arroxar “transparencia, luz e taquígrafos” sobre os contratos da Xunta. “Non deberían ter ningún problema en que se investigue o contrato con Prhoinsa e os outros que, como mínimo, supón a adxudicación a dedo de 96 millóns e sobre os que, a día de hoxe, seguen sen ter absolutamente nada no portal de contratación”, concluíu. A iniciativa non prosperou polo veto do PP.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG