BNG reclama aplicar xa a Tarifa Eléctrica Galega

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “Galiza non pode continuar de espectadora mentres comunidades como Aragón ou Castela e León –con gobernos de PP e PSOE- piden compensacións pola súa produción de enerxía renovábel”

O anuncio do Presidente de Aragón reactiva o debate para que a Galiza teña unha tarifa propia que abarate o elevado prezo da luz que están a padecer millares de familias e empresas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, volta a rexistrar iniciativas para dotar a Galiza dun sistema tarifario propio, a través da Tarifa Eléctrica Galega, por ser un País produtor excedentario de enerxía eléctrica. A organización nacionalista defende a aplicación desta tarifa diferenciada para que a Galiza poida beneficiarse da súa condición de país produtor excedentario de electricidade e para compensar os elevados custos sociais e ambientais desa condición. Para alén diso, reclama o control social e público do sector enerxético, para garantir que sexa realmente un ben ao servizo da sociedade e non un produto para a especulación.

O anuncio do Presidente de Aragón da tramitación dun decreto lei para dotar esa comunidade dun sistema enerxético propio e ter a enerxía máis barata do Estado reactiva o debate sobre a necesidade de que sexa compensados os custos sociais e ambientais que resultan da especialización na produción de enerxía eléctrica. Neste sentido, cabe lembrar que no acordo de investidura foi incorporado, por proposta do BNG, o compromiso de que “O goberno estudará posíbeis compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarias de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz, actuando sobre o custo de transporte, de forma que se compensen os custos sociais e ambientais producidos” (punto 12).

“Non son as primeiras declaracións de Pedro Sánchez nin tampouco de Lambán que abren a porta a estabelecer algún tipo de compensación pola xeración excedentaria de enerxía. Parécenos ben que valore compensar a Aragón por esta condición mais o Goberno non pode seguir negando á Galiza o que permitirá a outros territorios do Estado. É de xustiza que a Galiza se beneficie da súa condición de País produtor excedentario de enerxía eléctrica” asevera o deputado do BNG no Congreso.

Non é a primeira vez que o BNG leva o Parlamento Galego e ao Congreso este debate mais, ao contrario do que acontece noutros territorios, PP e PSOE votan “sistematicamente en contra”. “Galiza non pode continuar de espectadora mentres comunidades como Aragón ou Castela e León –con gobernos de PP e PSOE- piden compensación pola súa produción de enerxía renovábel” reivindica Rego.

“A aplicación da Tarifa Eléctrica Galega permitiría abaratar o elevado prezo da luz que están a padecer millares de familias e de empresas na Galiza. Xusto nun momento de crise social e económica pola suba desproporcionada dos prezos, tamén da electricidade” explica o deputado do BNG. Para Rego, ademais de contribuír ao abaratamento da factura, tamén favorecería o desenvolvemento económico da Galiza posto que evitaría o fechamento de empresas e atraería a implantación doutras novas.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG