O BNG propón unha negociación FEGAMP-Estado e que os concellos poidan facer uso dos seus 890 millóns de superávit

Ana Pontón e Secundino García
Ana Pontón e Secundino García

Pontón pide “unha posición de país” ante o intento do Goberno central de incautar os aforros dos municipios nun “trágala” inaceptable

Alerta ante a posibilidade de que os fondos europeos post COVID19 sexan a cambio de recortes sociais e laborais ou dun axuste en cohesión e PAC

O BNG considera inaceptable que o Goberno do Estado pretenda confiscar os 890 M€ de remanente e superávit dos que dispoñen os concellos e as deputacións deixando sen estes recursos ás administracións locais nun momento de crise sen precedentes onde cada euro conta para poñer en marcha medidas de reactivación da economía local e para sufragar a prestación de servizos a unha veciñanza tamén moi afectada polo impacto económico do coronavirus.

Esta pretensión do Executivo central está plasmada nunha proposta coa FEMP aínda non aprobada que debe ser retirada, “porque non admitimos que o Estado queira ter liquidez a costa dos concellos galegos”- explicaba o alcalde de San Sadurniño e representante do BNG na  FEGAMP, Secundino García, un superávit que o 10% do orzamento anual da Xunta.

A proposta da formación nacionalista é moi clara: deben ser os concellos os que dispoñan dos seus recursos para os fins que mellor consideren segundo as urxencias de cada municipio sen ningún tipo de tutela e negociar directamente co Estado que destinado se lle pode dar a ese importante remanente.

“Hai que sacar adiante unha proposta de país para que os concellos poidan facer uso do seus aforros e a negociación ten que ser de xeito directo entre o municipalismo galego representado na FEGAMP co Goberno do Estado, ese é o horizonte no que hai que traballar e con ese obxectivo de que os concellos determinen en que empregar eses 890 millóns de euros”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

A líder nacionalista indicou ademais que o actual sistema de financiamento das administracións locais “discrimina” aos concellos do país que reciben de media 50€ menos por habitante, ao que se engade o feito de que na distribución de recursos non se ten en conta o maior custe real da prestación en Galiza debido á dispersión e ao avellentamento da poboación.

“Pero aínda así, os concellos galegos foron capaces de reducir débeda, -un 0,3% do PIB moi lonxe do 3% permitido-, e aumentar o seus remanentes e isto ten que redundar en beneficio da veciñanza dos municipios nun momento excepcional que require dun esforzo extra de fondos dos que non se pode privar aos municipios”, explicou Pontón.

O BNG volveu pedir a derrogación da coñecida como Lei Montoro e igualdade de trato entre administracións á hora de establecer a capacidade de incorrer en gasto e en déficit, toda vez que a Unión Europea abriu a man para poder afrontar o escenario post COVID19, unha flexibilidade que non pode ser só para o Estado como pretende o Goberno de Pedro Sánchez.

“Non se poden repetir os erros que se cometeron na crise de 2008, nin pode haber unha incautación de fondos a uns concellos que teñen unha situación moi saneada e que están totalmente lexitimados a poder destinar eses cartos aforrados a reactivación económica, a financiar servizos ou as prioridades que se estimen en cada caso”, sintetizou Pontón.

Cumio europeo, firmeza para evitar recortes sociais

A líder do Bloque tamén fixo unha valoración en relación ao cumio europeo no que os estados membros están negociando a contía e a distribución dos fondos para a reactivación económica e social tras a pandemia. Pontón demanda do Executivo central “firmeza” para que a saída da crise non volva supoñer un “rescate duro” a costa de recortar dereitos sociais e laborais.

Entre as propostas nacionalistas: que se manteña a cantidade de 750.000 millóns de euros prevista, que non se permita ningún tipo de veto por parte dos estados que máis se opoñen a unha solución solidaria; que os fondos que se destinen non se vinculen en ningún caso a recortes en pensións ou salarios como xa pasou na crise financeira de 2008.

Pontón, igualmente, chamou a atención sobre un posible recortes nos fondos de cohesión e do orzamento da PAC, cuestións ambas de vital importancia para Galiza. “Hai que acertar e iso pasa por non repetir vellas receitas fracasadas do neoliberalismo porque non se pode saldar esta crise con novos recortes no social e no laboral”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG