O BNG propón un monte ordenado e multifuncional que xere emprego e free o abandono do rural

Mini Rivas
Mini Rivas

Rexeita o ditame do PP-PSOE porque mantén a mesma política forestal pirómana ao servizo do lobby da madeira de trituración, denuncia Rivas

Defende un monte en mosaico, moratoria para o eucalipto, profesionalización do servizo de prevención e extinción e a protección do monte en man común

O BNG propón un monte ordenado e multifuncional que xere emprego e free o abandono do rural

O BNG considera que o ditame pactado entre PP e PSOE na Comisión de Política Forestal deixa pasar a oportunidade de dar un xiro de 180 grados na ordenación e na posta en valor do monte para manter no esencial unha política forestal pirómana ao servizo do lobby da industria da madeira moída que, desde fai décadas, impoñen dúas empresas.

Na súa intervención en pleno, o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, denunciou que o ditame derivado dunha comisión “imposta polo PP para diluír a súa responsabilidade non aproveita a ocasión para emendar as políticas suicidas co monte galego e amosa unha interesada inconcreción a respecto de temas centrais”.

A formación nacionalista presentou un voto particular cunha alternativa para ordenar o territorio apostando por un monte multifuncional, sostible e produtivo e contribuír a frear o devalo do medio rural.

“Defendemos un monte que harmonice a rendibilidade de madeiras en réxime de diversidade para a segunda transformación cos pastos tradicionais en extensivo, con aproveitamentos sociais, preserve a riqueza do solo, aposte por usos de lecer e fixe poboación que o xestione”, argumentou Rivas, “un monte que xere postos de traballo e riqueza permanente e repartida, que asente poboación e que articule un medio agrogandeiro respectuoso co medio ambiente e coa calidade alimentaria”.

A alternativa do BNG está estruturada nunha serie de liñas mestras. En primeiro lugar, ordenación das masas forestais en mosaico, -“concepto chave”-. con bosques mixtos que avancen cara unha substitución progresiva de especies combustibles por caducifolias, con masas continuas de monte que non superen as 50 hectáreas e as 20 en zonas de alto risco de incendios.

En segundo lugar, potenciar o asociacionismo para superar a extrema atomización da propiedade do monte, para facilitar o seu aproveitamento multifuncional.  Rivas sinalou que as unidades de xestión forestal, -UXFOR-, son unha ferramenta útil nesa dirección.  O Bloque aposta polos montes veciñais en man común, “700.000 hectáreas bocado apetitoso para a especulación produtivista de inframadeira”, por tratarse dunha figura de propiedade comunitaria que debe ser protexida e impulsada “condonando falsas débedas, investimentos obrigados e incautacións por 50 anos”.

Como terceira proposta, o Bloque demanda unha moratoria na plantación de eucalipto en todo o territorio para delimitar que zonas son aptas e en cales debe quedar prohibido. Igualmente, inclúese a recuperación das 30.000 hectáreas de terras ilegalmente plantadas con esta especie e de todas as terras agrarias reforestadas.

Responsabilidades políticas silenciadas

Eixo básico é tamén a remodelación profunda do actual Servizo de prevención e extinción de incendios que debe estar baixo mando único, ser 100% público, avanzar na profesionalización e formación e dar estabilidade laboral ao persoal, explicou Rivas, desde a perspectiva de que a ordenación do territorio e a loita contra o lume é un traballo de todo o ano, ano tras ano, se queremos que Galiza deixe de ser un polvorín.

Rivas tamén denunciou que no ditame pactado entre PP-PSOE “non hai mención ás responsabilidades políticas que se derivan da improvisación, da xestión covarde e silenciosa ocultando a vaga de lumes do pasado outubro, do silencia dos medios públicos, do colapso das emerxencias e da ausencia de persoal de extinción pola temeridade de desactivar os efectivos de extinción en condicións de risco extremo de incendios”.

O deputado nacionalista concluíu poñendo en valor a proposta alternativa do BNG “unha opción moderna pensada desde aquí e para aquí, en beneficio da maioría dun pobo que se resiste a perder a referencia da terra como raíz secular da súa existencia e da súa cultura”.