BNG propón a creación dunha Oficina Antifraude e de Loita contra a Corrupción independente do poder político

Luís Bará
Luís Bará

Bará advirte que Galiza “non está á marxe da corrupción sistémica” do bipartidismo e pide que caia todo o peso da lei sobre quen comete fraude

O abuso “ilegal” de contratos menores por parte da Xunta ou o “trato de favor” a Altri, entre os asuntos que poderían ser obxecto de investigación

O BNG vén de rexistrar para o seu debate no Parlamento unha iniciativa na que propón a creación dunha Oficina Antifraude e de Loita contra a Corrupción en Galiza con plena independencia e autonomía do poder político. “Hai unha corrupción sistémica que afecta sobre todo aos dous grandes partidos do bipartidismo da que Galiza non está á marxe”, advertiu o viceportavoz do BNG Luís Bará, que apuntou o abuso ilegal dos contratos menores por parte da Xunta ou o “presunto trato de favor (so PP) a Altri” como asuntos que poderían ser obxecto de investigación por parte dun organismo como o que defende o Bloque.

O deputado nacionalista xustificou a creación desta oficina ante a preocupación social que están a xerar os últimos casos de corrupción, así como no “grave dano” que este tipo de delitos fai ás arcas públicas e ao sistema democrático, polo “público e notorio descrédito das institucións e a desafección por parte da cidadanía tamén respecto aos partidos políticos, favorecendo o caldo de cultivo para alternativas populistas da extrema dereita”, afirmou.

“Os últimos escándalos na cúpula dirixente do PSOE nos provocan noxo, rabia e repulsa”, agregou, para reclamar en nome do BNG a “máxima transparencia” e a “asunción de responsabilidades por parte do Goberno”, así como que a actuación da Xustiza permita que “caia todo o peso da lei” sobre os responsables destas “fraudes e corruptelas”.

Lamentou, neste punto, que “chove sobre mollado” porque, nesa corrupción sistémica, hai antecedentes tan graves como a financiación ilegal do PP, o caso Naseiro, a Gurtel ou amaños na contratación pública como os probados pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, que no 2021 impuxo unha multa de 203 millóns de euros ás principais construtoras do Estado e no 2018 sancionou con 29,9 millóns a provedoras de servizos informáticos -algunhas delas da Xunta- que crearon un cartel para repartirse adxudicacións, exemplificou.

Segundo a proposta do Bloque, a oficina antifraude galega tería tres grandes obxectivos. O primeiro, a prevención e investigación de posibles casos de corrupción ou destino fraudulento de fondos públicos. A segunda, a prevención de conflitos de intereses ou uso particular de información derivadas das funcións propias do persoal a servizo do sector público. E a terceira, facer as funcións do mecanismo de protección da persoa informante, previsto legalmente desde o 2023 e que agora “dunha maneira un tanto extraña” está exercendo a Valedora do Pobo.

Entre os asuntos que debería investigar á oficina anticorrupción galega figuran, segundo mantén o BNG, o abuso da contratación menor por parte da Xunta, unha “práctica ilegal” por exemplo cando hai fragmentación de contratos para que estes podan ser considerados menores, cando se concatenan ou cando se superan os límites temporais establecidos legalmente para estas adxudicacións, explicou Bará, deixando claro que os contratos menores, como tal, non son ilegais, pero si estas practicas de abuso que son “habituais” na administración galega.

Bará referiuse así mesmo o alto número de contratos -ata un 35 % de media en Galiza- nos que hai un só ofertante, “o que pode facernos pensar que hai acordos previos”. Igualmente, agregou, é necesario un organismo que investigue os “numerosos conflitos de interese” por relacións persoais ou de parentesco entre altos cargos da Xunta e as empresas beneficiarias de adxudicacións.

Á cola no Índice de Calidade dos Gobernos

Entre os exemplos de “casos nos que podería actuar” a oficina anticorrupción que o BNG defenderá no Parlamento figura tamén a ocultación do contrato asinado pola Xunta, a través de Sociedade Impulsa, e Altri, que o BNG requiriu polo artigo 9 do Regulamento  pero que o Executivo de Rueda négase a facer público, nunha “clara vulneración do dereito á información”.

“É un claro caso de presunta corrupción polo que pode haber de información privilexiada, de tráfico de influencias, ou de trato de favor, neste caso a unha empresa (Altri) beneficiada por decisións posteriores da Xunta ou na medida en que a Xunta xestiona axudas públicas”, subliñou, referíndose tamén neste punto aos “cambios legais que se fixeron como consecuencia deses acordos entre Xunta e Altri”.

O Índice Europeo de Calidade dos Gobernos, que elabora a Universidade de Gotemburgo para a UE, sitúa a Galiza como unha das peores comunidades do Estado neste ámbito, “un auténtico cancro que corroe ao sistema democrático”, sostivo Bará, que destacou que a oficina que defende o Bloque é similar á que xa funciona desde 20028 en Cataluña, á que foi eliminada polo Goberno de PP e Vox en Illas Baleares ou á da Comunidade Valenciana antes de que fora “decapitada” na práctica pola ultradereita.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG