BNG propón ampliar horarios na hostalería e o ocio nocturno ata a hora de peche fixada nas súas licenzas de apertura

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez apela a un novo escenario no que “non ten sentido” limitar horarios se os locais cumpren coas medidas sanitarias establecidas
BNG propón ampliar horarios na hostalería e o ocio nocturno ata a hora de peche fixada nas súas licenzas de apertura

BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a establecer o horario límite de peche ao público dos locais de hostalería e ocio nocturno ata a hora de peche fixada nas súas licenzas de apertura, sempre e cando os locais cumpran coas medidas fixadas no protocolo do Plan de Hostalería Segura de Galiza e coas que se fixen no seu momento para o ocio nocturno.

O portavoz nacionalista de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, pide ao Goberno galego que teña en conta “que nos atopamos nun novo escenario” marcado por niveis de transmisión COVID19 “similares aos acadados despois do confinamento, coa diferenza positiva de que os índices de vacinación son moi altos, cunha maioría da poboación galega coa pauta completa”, polo que “carece de sentido” a limitación horaria ás 01:00 h (e ás 23:00 h no caso do nivel de seguridade) establecida no novo Plan de Hostalería Segura aprobado a mediados de setembro.

“Se os locais cumpren, tanto se están nun coma noutro dos dous niveis establecidos no novo plan, coas medidas sanitarias que garanten que eses negocios son espazos seguros, non parece moi lóxico non permitirlles traballar ata a hora de peche fixada”, cuestiona, para a continuación incidir en que se os establecementos acadan o recoñecemento de locais seguros segundo os requisitos establecidos pola Xunta, “son igual de seguros pechando ás 01:00 h ou ás 2:30 h, coa diferenza de que sen a restrición horaria poderían facturar durante unhas horas máis”.

Unha cuestión esta última que para o deputado nacionalista “non é menor”, atendendo “á delicada situación económica pola que pasan moitos destes negocios” e ao grave impacto que sufriu o sector da hostalería e, de xeito especial, o ocio nocturno, ao que pide extrapolar a mesma ampliación de horarios ata a hora de peche fixada na licenza de apertura de cada establecemento no Plan de Ocio Nocturno que finalmente implante o Executivo galego.

Deste xeito, Pérez apela á necesidade de adaptar as medidas sanitarias á realidade do momento nun dos sectores máis gravemente prexudicados pola pandemia e que estivo sometido a diferentes medidas restritivas na súa actividade, pero “que non foron acompañadas durante meses de axudas directas tendentes a compensar as perdas ocasionadas por estas restricións”.     
 

BNG propón ampliar horarios na hostalería e o ocio nocturno ata a hora de peche fixada nas súas licenzas de apertura