Senado

BNG, ante o procedemento sancionador aberto polo baleirado da presa de Chás, exixe facer públicas as conclusións e depurar responsabilidades

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva demanda “completar a tramitación do expediente, facer públicas as conclusións da instrución e adoptar medidas contundentes de sanción e reparación”

“Hai que depurar responsabilidades e garantir que un feito tan grave non se repita” di a senadora do BNG sobre o baleirado catastrófico da presa de Chás

Após a resposta do Goberno á preguntas do BNG, Carme da Silva insiste en chegar até o final para que se esclareza o acontecido, se adopten as medidas correctoras e se asegure que nunca máis se produce unha actuación deste tipo

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar novas iniciativas após coñecer a resposta do Goberno do Estado afirmando que o baleirado do encoro de Chás, no Concello de Oímbra, foi realizado sen autorización expresa da Confederación Hidrográfica do Douro. Da Silva require ao Goberno completar canto antes a tramitación do expediente e faga públicas as conclusións da instrución para que se poidan depurar responsabilidades e levar a cabo medidas contundentes de sanción e reparación ambiental.

Na súa contestación oficial á preguntas do BNG, o executivo confirma que o baleirado do encoro de Chás, localizado no concello ourensán de Oímbra, realizouse sen autorización expresa da Confederación Hidrográfica do Douro (CHD) e que esta actuación foi executada pola empresa Enel Green Power España S.L. -filial pertencente a Endesa.

“O propio Goberno recoñece que o tremendo baleirado se fixo sen autorización e que se abrirá un procedemento sancionador. Agora o que cómpre é que ese proceso non quede nun mero trámite burocrático. Hai que depurar responsabilidades e garantir que un feito tan grave non se repita” reclama Carme da Silva.

Neste sentido, as novas iniciativas do BNG procuran demandar ao executivo estatal que “complete canto antes a tramitación do expediente, faga públicas as conclusións da instrución e adopte medidas contundentes de sanción e reparación ambiental”.

A senadora lembra que o baleirado da presa das Chás tivo un forte impacto ambiental e social, causando a morte de milleiros de peixes, danos na flora e alteracións no abastecemento de auga, ademais de dificultar as tarefas de extinción de incendios en pleno mes de agosto.

“Foi unha actuación irresponsábel, realizada sen control nin transparencia, e con consecuencias moi graves para o territorio. O Goberno debe actuar con firmeza e sentar precedente, sancionando e obrigando á empresa a reparar o dano causado” engade a representante nacionalista.

Ao dano causado, explica a senadora do BNG, o baleirado produciuse en pleno mes de agosto onde as comarcas ourensáns estaban atravesando unha crise polos lumes que asolaban gran parte do territorio -especialmente no interior da Galiza- e impediu realizar cargas de augas aos equipos de extinción, dificultando os labores dos e das profesionais.

O BNG insiste en que non se pode permitir que intereses empresariais prevalezan sobre a protección do medio e que a defensa do territorio galego require control, transparencia e rendición de contas por parte das administracións competentes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG