BNG pide responsabilidades a Política Social polas irregularidades detectadas na vivenda comunitaria de Amoeiro

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Tabarés quere saber por que a Xunta non actuou ante as irregularidades que desde hai anos presentaba este centro residencial para maiores

O deputado do BNG Iago Tabarés vén de presentar unha iniciativa no Parlamento para esixir á conselleira de Política Social, Fabiola García, responsabilidades polas graves deficiencias detectadas na atención ás persoas usuarias da vivenda comunitaria Jardín de Amoeiro, que tivo que ser pechada por graves deficiencias na atención ás persoas usuarias.

“Unha moi deficiente alimentación, falla de aseo e de coidados e carencia de persoal son algunhas das condicións que tiñan que padecer as persoas maiores residentes no centro”, subliña do deputado da comarca, que denuncia a “pasividade” da Consellería de Política Social diante das irregularidades detectadas desde hai anos.

Tabarés advirte que Política Social coñecía a existencia de denuncias tanto sobre a xestión desta vivenda comunitaria como sobre o trato ás e aos residentes e, malia iso, “permitiu que o centro seguise funcionando con normalidade”.

É por iso que o BNG esixe explicacións o Goberno do PP e que remita ao Parlamento a documentación sobre as inspeccións realizadas nos últimos anos e os resultados e accións que se seguiron como consecuencia desas inspeccións.  Cuestiona, neste sentido, que, tal e como apuntan algunhas informacións xornalísticas, o departamento que dirixe Fabiola García só actuase tras unha inspección laboral  a raíz dunha denuncia presentada en Estranxeiría.

“As graves irregularidades e deficiencias na atención ás persoas maiores que implicou o peche do centro e o necesario traslado das residentes a outros centros, na súa maioría de distintas comarcas, provocou unha evidente alarma social, tanto polas importantes deficiencias detectadas como polo feito de que xa se viñeran producindo desde hai tempo”, subliña Tabarés.

Diante da preocupación xerada, o BNG de Amoeiro formulará tamén unha pregunta no Pleno do Concello de Amoeiro. “No BNG seguiremos traballando polo respecto aos dereitos das persoas e o dereito a unha vellez digna e non imos permitir que o PP converta a vellez nun mero negocio”, conclúe o deputado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG