BNG pide recuperar as liñas e horarios do servizo de transporte entre Santiago e Negreira

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira criticou a falta de información sobre os novos  horarios tras o cambio da empresa de transportes que obrigou ás persoas usuarias a buscar outras alternativas, o pasado 24 de xaneiro

A deputada do BNG, Iría Carreira preguntou hoxe ao goberno polas medidas para recuperar as liñas e horarios do servizo de transporte público entre Santiago e Negreira.

A parlamentaria explicou que o luns 24 de xaneiro, una nova empresa se fixo cargo do servizo  de transporte, cuns horarios que se foron modificando  sen previo aviso e  obrigando a moitos usuarios e usuarias  a quedar en terra ou  buscar outras alternativas sobre a marcha para podérense desprazar. “Durante uns cantos días,  a información foi moi escasa, sen lugares onde consultala de xeito veraz e accesible e con atrancos para poderen canalizar as súas queixas e reclamacións”.

A deputada afirmou que  existen “queixas e reclamacións” sobre unha liña de transporte  utilizada por viaxeiras ocasionais pero sobre todo por traballadores e estudantes do IES Xulián Magariños en Negreira, sen adaptación como o IES de Brión e que continua tendo problemas co transporte escolar por “constantes deficiencias” e porque a empresa quere reducir as liñas.

No  Parlamento galego lembrou a nacionalista,  foron rexistradas máis de 1.200 sinaturas de persoas que manifestaban este malestar e que solicitaban un cambio nos horarios para que ese transporte público poida ser verdadeiramente aproveitado.

Hoxe, explicou, referímonos á  comarca da Barcala, pero o certo é que poderiamos aludir  á de  Barbanza,  Ferrolterra,  Arzúa ou case de calquera comarca ou localidade galega.

O plan de transporte público de Galiza ten uns principios básicos que non se están a cumprir. O transporte público, dixo, debe  facilitar a mobilidade das persoas, fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público e facilitar a intermodalidade e a accesibilidade de xeito que se potencie como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á verdadeira  vertebración territorial.

Tras a resposta da conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez a deputada do BNG cualificou de “falta de respecto” ás persoas usuarias   non seren informadas a tempo do cambio do servizo e dos horarios. Os servizos públicos, recalcou teñen que adaptarse ás necesidades da poboación, e tamén o transporte. Se de verdade se quere dar cumprimento aos principios que recolle o Plan de Transporte Público de Galiza, os horarios dos autobuses teñen que dar servizos ás necesidades que ten a poboación nesa  área.

A deputada do BNG concluíu a súa intervención criticando á consellería que debe velar polo funcionamento do transporte público de estar “máis preocupada polas notas de prensa” que por resolver a falta de informacións ás persoas afectadas polos cambios de servizo e horarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG